Case cen persoas optan ao obradoiro de Xinzo e Sandiás

As entrevistas comezarán mañá xoves

Un cento de persoas en situación de desemprego opta a participar nunha nova entrega do obradoiro ofertado conxuntamente entre Xinzo de Limia e Sandiás. Concretamente, un total de sesenta aspirantes queren acadar unha das 16 vacantes nas especialidades de xardinería e albanelería, mentres que sete buscan acceder ao posto de director, cinco ao de administrativo e 16 ás dúas prazas de monitor docente. 

O Concello de Xinzo vén de publicar a preselección de candidatos na súa páxina web e os aspirantes deberán presentarse mañá, día 7 de outubro, e tamén o día 8, á entrevista programada para as 08,00 horas na Casa Consistorial. 

A selección definitiva dos alumnos e alumnas e a súa distribución por especialidades será efectuada pola comisión de selección.  Neste senso, os aspirantes terán que someterse a unha entrevista persoal. A comisión avaliará o interese dos candidatos e candidatas á hora de participar neste proxecto -que se centrará, principalmente, na Vía da Prata- e as súas aptitudes e capacidades, tanto de carácter xeral como as que teñan que ver coa súa adaptación ás singularidades da iniciativa formativa. 

O alumnado será contratado por nove meses a xornada completa e baixo a modalidade de contrato para a formación e o aprendizaxe, e percibirá as retribucións correspondentes.

Te puede interesar