O certame Xinzoenflor repartirá 200 euros

BALCÓNS (1)
photo_camera Un dos balcóns da vila que xa amosa plantas.
O prazo de inscrición rematará o vindeiro día 15 de agosto

O Concello de Xinzo acaba de anunciar a segunda edición do certame Xinzoenflor co que se pretende preservar a estética paisaxista do municipio dende os balcóns, ao tempo que se ensalza o medioambiente. O obxectivo será engalanar con flores os balcóns e as xanelas tanto dos pobos, como da vila. 

Dende o Consistorio matizan que os participantes deben empregar plantas vivas como elementos ornamentais e estas teñen que ser visibles dende a rúa. Todos os veciños terán liberdade para realizar as súas creacións, sempre e cando respecten o contorno e garantan a seguridade.

O prazo de inscrición rematará o vindeiro día 15 de agosto e repartirase unha planta por vivenda. Os interesados deberán entregar un impreso nas dependencias do Concello, concretamente en Información, ou descargalo a través da web e envialo por correo electrónico a [email protected].

O xurado estará composto por un representante de cada grupo municipal, ademais de por tres veciños que queiran participar na deliberación. Haberá dous premios para cada unha das categorías: Xinzo Pobo e Xinzo Vila. Os galardoados recibirán bonos de 100 euros para empregar no comercio local.

Te puede interesar