O Concello de Xinzo empregará remanente e superávit para obras e servizos

IMG_7682
photo_camera Unha das derradeiras sesións plenarias levadas a cabo no Concello de Xinzo. (Paula Palomanes).
A Corporación local reunirase nunha sesión plenaria extraordinaria este venres, ás 13,15 horas. 

Nova sesión plenaria en Xinzo de Limia este venres, día 14 de maio, ás 13,15 horas. Nesta ocasión será de carácter extraordinario e o punto principal da Orde do Día que terán que debater os concelleiros e concelleiras da Corporación local versará sobre unha modificación orzamentaria financiada con cargo ao remanente e ao superávit de 2021 e que cumpre, segundo apuntaron fontes municipais, “coa normativa vixente en materia de presupostos”.

Dita modificación será por un importe de 765.117 euros e o obxectivo desta decisión, adoptada durante a xornada de onte na correspondente comisión informativa previa á sesión plenaria, será executar “actuacións inaprazables” en materia de servizos, infraestruturas, ocio e cultura.  

Tal e como explicou a alcaldesa socialista, Elvira Lama, esta modificación lévase a cabo coa intención de “non realizar ningunha outra nesta anualidade, salvo que xurdisen, neste senso, causas de forza maior”.

RECOÑECEMENTO DE CRÉDITO

Na Orde do Día da sesión plenaria figura, do mesmo xeito, un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe total de 168.507 euros para o pago de facturas dos capítulos de Gasto Corrente correspondentes a exercicios pechados. Ascenden, neste senso, a un total de 49.057 euros. Nos mencionados pagos estarían incluídas as liquidacións semestrais á Xunta de Galicia da Escola Infantil e do Centro de Día “malia que estiveron pechados durante o confinamento e parte da pandemia”, apuntan dende o Goberno local; así como facturas pendentes do anterior mandato e outras do actual, algunhas relacionadas con gastos derivados da loita contra o covid-19.

Dende o Concello de Xinzo de Limia engadiron que, na sesión plenaria do venres tamén se debaterá o expediente de declaración de parcela sobrante na pista Sitibal. Elvira Lama recordou que durante a concentración parcelaria, dito terreo quedou en propiedade do Concello: “Había unha masa común que é unha tira que ao Concello non lle vale para nada, nin pode edificar nada, nin vendela. Por contra, aos propietarios da zona válelle como salida das súas propiedades e para ter acceso aos servizos”, expuxo a rexedora, que adiantou un acordo do resto de concelleiros nesta cuestión logo da comisión previa ao pleno. “Xa falamos con varios propietarios e todos están de acordo”, engade. A venda destes terreos suporá un novo ingreso patrimonial para o Consistorio.

Te puede interesar