A Limia

Manuel López Casas: "Continuarei coa liña de traballo de Antonio pérez, dando servizos e facendo proxectos"

A Limia

Personaje del día

Manuel López Casas: "Continuarei coa liña de traballo de Antonio pérez, dando servizos e facendo proxectos"

O actual alcalde en funcións de Xinzo, Manuel López Casas.
photo_cameraO actual alcalde en funcións de Xinzo, Manuel López Casas.

É o encargado de asumir provisionalmente o goberno limiao: "Fareino con responsabilidade e ganas"

Foi o home de confianza e man dereita do exrexedor de Xinzo de Limia, Antonio Pérez, durante o seu mandato. O ata agora tenente de alcalde e edil de Obras, Manuel López Casas, asumirá -provisionalmente- o goberno limiao. Di que o fará con "responsabilidade" e "ganas", aínda que asegura que seguirá a mesma liña de traballo do seu predecesor.

Defínese a sí mesmo coma un "veterano da política". Foi membro da primeira corporación democrática no ano 1979, e repetiu como concelleiro nos anos 1987, 1991 e 1995. Exerceu como delegado de Xustiza -un cargo que lle agradece a Xosé Luis Baltar, que o propuxo dende o ano 1993 ata o 1997-. López Casas asegura que "tivo a sorte" de ir tamén ao Parlamento de Galicia na quinta lexislatura: do ano 1997 ao 2001 e, nese periodo de tempo, foi director xeral de Desenvolvemento Rural.

Tamén foi nomeado delegado de Agricultura en Ourense, ocupación que ostentou dende o ano 2001 ata o ano 2005. Cando o bipartito chegou ao poder, o actual alcalde en funcións de Xinzo de Limia regresou á tarefa da docencia nun instituto. Volveu á vida política, unha vez xubilado, da man de Antonio Pérez, no ano 2011.

Que balance fai destes últimos sete anos ao carón do exalcalde Antonio Pérez?

O primeiro que teño que dicir e que eu estaba encantado de ser concelleiro con él, e lamento moitísimo a súa marcha, de feito recollín firmas para que non renunciase ao cargo. Respeto a súa decisión, pero creo que Xinzo perde un moi bo alcalde. Fixo unha xestión brillante, e conseguiu algo que para min era un obxectivo inalcanzable: reducir a débeda de Xinzo de Limia de 11 millóns de euros a pouco máis de 4 millóns de euros. Tivemos que facer un gran esforzo para controlar o gasto, e pasamos moita penuria económica para obter grandes resultados. Para poder investir agora, hai que ter diñeiro. 

Cómo recibiu a noticia da sentenza xudicial e posterior renuncia ao cargo de Antonio Pérez?

Gustaríame dicir antes de nada que, manifestando o meu respeto polas decisións da xustiza, considero que esa sentenza foi un castigo inmerecido. Despois, respetando moito a súa decisión, pero lamentándoa do mesmo xeito. Ten o meu apoio total e o do grupo de goberno. Agardamos que no recurso de apelación poida ser absolto. É unha persoa cun brillante porvir político, un animal deste ámbito con capacidade de organización e liderazgo. 

Cre que Antonio Pérez regresará á política?

Gustaríame moitísimo e penso que Xinzo precisa dun alcalde coma el, máis pronto que tarde. Neste Concello xa tivemos un caso similar, o de don Isaac Vila, que foi inhabilitado un tempo, voltou e gañou as eleccións. Eu tiven a honra de ser concelleiro con él, e recoñezo que foi moi bo alcalde para Xinzo, con erros e acertos, como todos, pero cunha traxectoria incrible. 

Cal será a súa liña de traballo a partir de agora e se resulta elexido polo pleno para ocupar a alcaldía?

Continuarei a liña de traballo de Antonio, dando servicios aos cidadáns, levando adiante as obras que tiñamos en proxecto, e en preproxecto, e traballando para que estes meses de lexislatura que restan sexan o mellor posible. Non se trata de facer promesas, o calendario é o que é, senón de solventar os problemas do día a día.

Nós temos, incluso, unha situación económica moi boa, cun remanente de tesourería e un superávit que, sendo xustos, hai que agradecerlle ao señor alcalde de Vigo, Abel Caballero, a loita que fixo ante o señor Montoro, para que os Concellos que aforraron, apretaron o cinto e controlaron o gasto, como é o noso caso, poidan investir o superávit. 

De todos os cargos que tivo ao longo da súa vida política, con cal se quedaría?

Sen dúbida, coa política local. O feito de ter un trato directo cos cidadáns e de dar resposta a cuestións necesarias do día a día como ese punto de luz que se estropeou, ou ese bache que hai que arranxar, é o que máis me gusta. Ser quen de dar unha resposta inmediata é o que constitúe o éxito político, e vivila en primeira liña é especial.

Eu aquí en Xinzo, e dada a miña condición de xubilado, xa lle estaba adicando moitas horas polas mañás a todas estas cousas, e o facía e o farei encantado, porque a parte de atender aos cidadáns, que é para o que estamos aquí, tiña o respaldo dun bo alcalde que agora quere deixar esta actividade, pero que hai que respetalo.  

Valora presentarse como candidato do Partido Popular ás eleccións municipais de Xinzo de 2019?

A día de hoxe, 22 de marzo de 2018, aínda non toca falar diso. Estamos asimilando unha situación nova e para falar de candidaturas queda moito tempo. Primeiro hai que asentar a situación, traballar e logo, o Partido Popular, que sempre tivo o respaldo maioritario de Xinzo, ten que darlle resposta agora ás súas necesidades. 

Cómo cre que marcharán as cousas dentro do grupo de goberno dende agora?

Imos a permancer unidos e a traballar como sempre.