A Limia

A educación como base da igualdade dende Xinzo

A Limia

8-M | Actividades

A educación como base da igualdade dende Xinzo

Saray Rodríguez, Elvira lama e Mila Álvarez, cos carteis da programación do Día da Muller.
photo_camera Saray Rodríguez, Elvira lama e Mila Álvarez, cos carteis da programación do Día da Muller.
O Concello, en colaboración con Femuro e O Viso, celebrará o Día da Muller

A rexedora de Xinzo, Elvira Lama, presentou este venres os actos conmemorativos do Día Internacional da Muller na vila limiá. A administración local elaborou dita programación en colaboración coa Federación de Mulleres Rurais -Femuro-, así como do Centro de Desenvolvemento Rural O Viso. 

Para dar voz á situación actual das mulleres, o 8 de marzo terá lugar na Casa da Cultura -a partir das 12,30 horas- un acto con diferentes iniciativas, como a presentación do vídeo O rural é feminista ou a publicación do proxecto Mulleres ilustradas da Limia, elaborado dende o CDR O Viso e que contará coa participación dunha das súas protagonistas. Finalmente leerase un manifesto e proxectarase un vídeo musical da campaña de Femuro. 

Elvira Lama informou durante a presentación de que o Concello instalará un stand especial que estará atendido polo persoal do Centro de Información da Muller de Xinzo. 

Por outra banda, a rexedora socialista adiantou algunhas das actividades en materia de educación preparadas para os máis cativos. Neste senso, o día 11 de marzo o alumnado do CEIP Carlos Casares asistirá a unha obra de teatro e charla posterior sobre mulleres na historia, o día 14 inaugurarase unha exposición ás 20,00 horas e o 30 de marzo os alumnos do CEIP Rosalía de Castro asistirán á obra de teatro Somos iguais.

"A igualdade real non chegará se non é da man e da complicidade de todos os homes e todas as mulleres", manifestou Elvira Lama.