Expertos avalían o cultivo de tipos de cereal en Xinzo

Participou no xornada o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo

Piñeira Seca, no Concello de Xinzo de Limia, foi escenario da celebración dunha xornada do Grupo para a Evaluación de Novas Variedades de Cultivos Extensivos en España (Genvce). O devandito grupo está integrado por técnicos de centros e institutos de investigación das diferentes comunidades autónomas, responsables da realización dos ensaios das redes de experimentación de variedades da Oficina Española de Variedades Vexetais (OEVV) do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e de empresas do sector privado.

Participou no evento o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, dependente da Axenda Galega de Calidade Alimentaria. O obxectivo do encontro foi ofrecer ao sector cerealista (técnicos, agricultores, industriais e administración) información precisa e práctica sobre a adaptación agronómica e a calidade das novas variedades de cereais e cultivos extensivos nas distintas áreas de cultivo.

Amador Díaz, alcalde de Xinzo, explicou que se tratou “o trigo, as aveas e o centeo. Seméntanse moitas variedades, 18 concretamente de trigo. Valóranse enfermidades, como se comportan nesta zona, as producións… explicaron dende o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo”.

Para os interesados, os días 28 e 29 de maio realizaranse as IX Xornadas Genvce de innovación e transferencia en cultivos extensivos de inverno en Valladolid. Trátase “dunha oportunidade única para descubrir as últimas novidades tecnolóxicas do sector en material vexetal e en agronomía do cultivo”, segundo a organización. Profesionais do sector agrícola procedentes de todas as comunidades autónomas atoparanse na cidade de Valladolid para coñecer as últimas novidades de innovación e transferencia do coñecemento en materia de cultivos extensivos de inverno. As xornadas Genvce concentraron a preto de 13.000 visitantes nas súas oito edicións anteriores, situándose como un evento de referencia no ámbito dos cultivos extensivos.

Te puede interesar