Os fornos de Xinzo “volverán á vida” para amosar o seu valor

forno Guntimil (1)
photo_camera Elvira Lama e Amador Díaz visitando o forno de Guntimil.
O Concello iniciou un plan de recuperación para estes espazos, onde se organizarán encontros

Os fornos antigos son pezas fundamentais para entender a etnografía do rural ourensán, en xeral, e do concello de Xinzo de Limia, en particular. Por este motivo, dende o Consistorio limiao iniciouse un plan de recuperación destas estruturas coa finalidade de poñelas en valor e volver a darlles vida mediante actos e encontros interxeneracionais.

Algunhas delas atopábanse moi deterioradas polo paso do tempo e o abandono sufrido, así como pola falta de mantemento. Precisamente, antes de iniciarse as intervencións, realizouse unha inspección previa destes elementos patrimoniais e detectouse que moitos presentaban humidades de cuberta e incluso pequenos afundimentos.

Tal e como explicaron dende o Concello de Xinzo, dito estado de abandono “non é o mesmo en todos os fornos”, xa que nalgúns casos soamente está sendo necesario realizar pequenas intervencións, mentres que noutros é e será preciso actuar de xeito integral. 

Dentro deste programa de actuacións, recentemente levouse a cabo unha intervención municipal no forno de Faramontaos, espazo que levaba trinta anos sen cuberta. Unha vez resolto este problema e rehabilitada a construción, restaría agora o acondicionamento interior e a consolidación do propio forno.  Será entón cando este inmoble, en ruínas fai apenas unhas semanas, se transforme nun lugar de encontro para veciñanza e para rememorar a tradición: cando os veciños do rural, por quendas, cocían os sábados e os domingos o pan para o resto da semana. 

ACTUACIÓNS FUNDAMENTAIS

O concelleiro de Medio Rural, Amador Díaz, -departamento que está coordinando estas actuacións- realizou esta mesma semana unha visita aos fornos que están sendo recuperados -Pidre, Piñeira Seca, Fiestras, Guintimil ou o xa citado de Faramontaos- en compañía da rexedora local, Elvira Lama.  “Este tipo de actuacións son fundamentais, pois estamos a falar de lugares con un alto valor etnográfico, pero tamén sentimental para os veciños e veciñas dos pobos, que levan moito tempo reclamando a súa recuperación”, apuntou a alcaldesa socialista de Xinzo. 

O Concello de Xinzo continuará os vindeiros días actuando nas diferentes infraestruturas históricas. As intervencións contempladas abranguen a limpeza de muros, a substitución de tellas en mal estado ou a recuperación de portas e fiestras e da pavimentación, entre outros arranxos, sempre co obxectivo de que os fornos podan ser usados de novo para o fin co que foron construídos e tamén para fomentar encontros entre a veciñanza en nome da tradición e da etnografía. Que a riqueza patrimonial de Xinzo de Limia “non caia no esquecemento”  é o obxectivo do Concello.

Te puede interesar