cultura

O GDR Limia Arnoia apoiará á riqueza cultural da comarca

Xinzo de Limia. 22/03/18. Xunta directiva do Grupo de desembolvemento rural Limia-Aronoia en Xinzo de Limia.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Os integrantes da Xunta Directiva encabezada polo alcalde de Sarreaus, Gumersindo Lamas (centro).

O programa "Unha volta polo medio" levará aos visitantes ao Mosteiro de Trandeiras ou ao Xurés

A Xunta Directiva do Grupo de Desenvolvemento Rural Limia Arnoia reuniuse en Xinzo para tratar e dar luz verde a cuestións de interese para esta agrupación, que ten como obxectivo fundamental a xestión das subvencións procedentes do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Un dos puntos máis importantes da orde do día foi a aprobación do Programa de Formación e Animación que se poñerá en marcha despois da celebración da Semana Santa. Este apartado incluirá cursos sobre Xestión de Turismo Local, de Aptitude Empresarial Agraria e de especialidades como a Apicultura e as Industrias Cárnicas, concretamente de porcino.

O GDR Limia Arnoia poñerá en marcha, ademais, unha campaña de difusión dos valores do territorio denominado "Unha volta polo medio", no que participarán colexios e institutos da comarca. Neste senso, as actividades nos institutos irán destinadas aos alumnos de terceiro e cuarto da E.S.O, que elexirán unha das tres rutas propostas polo Grupo, entre elas, as que teñen como protagonistas ao Mosteiro de Trandeiras, as fervenzas de Porqueira ou ao Parque do Xurés. Dende o GDR explican que haberá, do mesmo xeito e dentro desta campaña "Unha volta polo medio", dúas saídas abertas á cidadanía. As persoas interesadas poderán inscribirse -ata un máximo de 30- nas oficinas do GDR, ubicadas na Estación de Autobuses e o Grupo correrá con todos os gastos neste senso.

No caso dos máis cativos, a campaña, que levará o nome de "Ti contas", centrarase en actividades "in situ" de sensibilización, co obxectivo de frear a problemática dos incendios forestais. Unha asociación da cidade de Ourense será a encargada de dirixir estes obradoiros.

Este programa de difusión arrincará no mes de maio e poderá prorrogarse ata o mes de setembro.

Na sesión tamén se deron conta dos proxectos recibidos ata actualidade para optar ao financiamento do Fondo Europeo. Tal e como sinalaron dende a entidade, recibironse 44 proxectos e é probable que entren 15 máis.

O prazo para presentar as solicitudes rematará o 2 de abril.

Te puede interesar