O Grupo Limia Arnoia apoia con 620.000 euros 25 proxectos no rural

comercial-san-mauro-proxecto-produtivo-2018 (1)
photo_camera Comercial San Mauro, un dos proxectos produtivos posto en marcha con estas axudas, en 2018.
As axudas inclúense na convocatoria 2021-2022 do Programa Leader de desenvolvemento rural

O Grupo de Desenvolvemento Rural Limia Arnoia integrado por 25 municipios das comarcas de Allariz-Maceda, Baixa Limia e A Limia, vén de facer públicos os 25 proxectos que apoiará dentro da convocatoria 2021 / 2022 do Programa Leader mediante unha achega de 619.544,08 euros, sendo o investimento global da posta en marcha de ditas iniciativas de 1.138.760,91 euros. 

Tal e como explicaron dende o GDR, na presente convocatoria financiáronse máis do 60 por cento dos proxectos presentados e o 87 por cento das ideas obtiveron o Informe Favorable de Elexibilidade. Os principais destinatarios serán persoas emprendedoras, pequenas e medianas empresas e outros axentes socioeconómicos do territorio A Limia - Arnoia tales como asociacións e institucións locais. 

Do conxunto dos proxectos que percibirán a axuda, 13 pertencen do ámbito privado e, mediante os mesmos, agárdase que se consoliden 40 postos de traballo. Entre eles atópase a ampliación dunha nave industrial en Boado-Xinzo para a transformación da pataca, a creación dun obradoiro de carne en Xinzo de Limia, un espazo de orientación á muller rural tamén na vila limiá, a creación dunha productora audiovisual en Lobios, a modernización dun obradoiro de traxe tradicional ou a recuperación dun muíño de auga en Maceda, entre outros. A posta en marcha de todos estes proxectos suman un investimento total de 806.155,99 euros, dos cales, 331.513,46 euros estarán financiados polo GDR Limia - Arnoia.

Na presente convocatoria, o GDR Limia - Arnoia concedeulle tamén axudas a seis proxectos de carácter non produtivo procedentes de iniciativas privadas e que suporán un investimento de 132.740,46 euros, dos cales, os interesados recibirán 99.532,48 euros de axudas. Entre eles está a creación dunha senda peonil por parte da Comunidade Fonte do Foxo de Bande, unha ecovía interpretativa que porá en marcha a Asociación de Veciños Amigos do Río Mao de Lobios ou a recuperación de camiños tradicionais que levará a cabo a Comunidade de Montes Grande de Bande. 

Por último, no apartado de proxectos públicos, seis concellos do territorio recibirán 138.340,36 euros en axudas para a posta en marcha de plans vencellados á recuperación do patrimonio arquitectónico. Entre eles atópase a recuperación dun lavadoiro e dun xacemento en Os Blancos, a recuperación patrimonial da aldea de Saa no Concello de Vilar de Santos, a recuperación de elementos etnográficos en Bande, melloras na muralla de Castromao no Concello de Celanova, melloras no Castelo da Picoña (Calvos de Randín) e un ascensor en Vilar de Barrio.

Te puede interesar