As medidas preventivas fronte aos contaxios, temática de mañá no seminario da USC en Xinzo

Trátase da terceira e última xornada adicada aos maiores de 50 anos. 

A Casa da Cultura de Xinzo de Limia acollerá mañá sábado, día 24 de abril, a terceira e derradeira xornada de “Camiños de coñecemento e experiencia”, as aulas formativas para maiores de 50 anos promovidas pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración co Concello de Xinzo de Limia. 

O seminario, que se celebrará entre as 10,00 horas e as 11,30 horas -en horario de mañá- e dende as 16,30 horas e as 18,00 horas -de tarde- terá como título “Medidas preventivas fronte ao contaxio de enfermidades” e estará dirixido polo médico de Atención Primaria Sergio Cinza Sanjurjo. O encontro incluirá, ademais, un debate semiestructurado en horario de tarde. 

GRAN OFERTA CULTURAL

As xornadas celebradas ata o momento na vila limiá achegaron aos participantes temas que espertaron un grande interese ao longo de todo este mes. 

Na primeira sesión púxose en valor o patrimonio cultural de Xinzo cunha ruta guiada, e na segunda falouse sobre criminoloxía e política criminal, desvelándose incluso as claves coas que se realiza un bo interrogatorio. 

A iniciativa da Universidade de Santiago desenvolveuse por primeira vez na vila e está a resultar todo un éxito, xa que non só asistiron os inscritos, senón tamén veciños que quixeron participar como oíntes. 

Dende o Concello de Xinzo de Limia manifestouse o desexo de que estas xornadas formativas da USC se volvan a celebrar na vila en futuras edicións, xa que contan cunha “interesante oferta cultural” dedicada a un sector da poboación “ás veces esquecido neste senso”, aseguraron dende o Consistorio.

Te puede interesar