Medio Rural di que a praga da pataca non chegou á comarca

<p></p>
photo_camera Reunión mantida onte en Santiago para avanzar na loita contra a couza guatemalteca da pataca.

O Consello Regulador cre que as medidas adoptadas pola Administración frearán a súa expansión

A directora xeral de Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, reuniuse onte co presidente da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, Julio Gómez, en Santiago. O obxectivo desta xuntanza, na que participaron técnicos da consellería e outros directivos da indicación, foi o de avanzar na coordinación en materia de loita contra a expansión da couza guatemalteca da pataca.

Esta praga afecta, segundo os últimos datos, a 31 concellos localizados na zona de Ferrol e da Mariña Lucense. Dende o Servizo de Sanidade e Producción Vexetal explican que as zonas productoras de pataca do sur de Galicia, máis profesionalizadas, están libres, polo momento, desta couza.

O presidente da IXP valorou as medidas adoptadas, ata o momento, pola Xunta de Galicia para loitar contra esta praga e amosouse convencido da súa eficiacia para frear o seu avance. Entre as actuacións que se están levando a cabo están a colocación de trampas para capturar o insecto, a aplicación de métodos fitosanitarios, a destrucción de lotes de patacas contaminadas e actuacións para controlar a mobilidade de tubérculos. Do mesmo xeito, Do Campo insistiu en que Medio Rural realizou multitude de accións de divulgación dirixidas a agricultores, almacenistas e distribuidores de pataca, dende que se tivo coñecemento da afectación da praga en Galicia. Dende a Xunta recomendan non plantar patacas nas zonas afectadas, decisión que apoian dende a Indicación Xeográfica Protexida. O Ministerio de Agricultura aprobará nas vindeiras semanas un decreto para loitar contra esta praga, e que previsiblemente contemplará a prohibición de cultivar patacas nas áreas contaminadas.

A directora xeral agradeceu a colaboración prestada polos responsables da IXP e destacou a súa importancia na producción de pataca. 

Te puede interesar