NATUREZA

Medra o temor nos apicultores polo avance da avespa asiática

OURENSE. 12.02.2017. XINZO, CASA DA CULTURA, ASAMBLEA ASO ABELLAS. FOTO: MIGUEL ANGEL
photo_camera Un momento da asamblea, que presidiron Xabier Álvarez, Teresa Martínez, Román Cid e Alfredo Montes.

A Asociación Abellas Nais celebrou asamblea en Xinzo a ve perspectivas 'incertas' para este ano

A Asociación Galega de Abellas Nais celebrou onte na Casa da Xunventude de Xinzo a súa segunda Asemblea Xeral. O obxectivo desta reunión foi dar conta das xestións que se levaron a cabo, por parte da asociación, ao longo do seu primeiro ano de vida.

Esta colectivo xurdido "para dar resposta ás necesidades formativas en materia de apicultura", tal e como sinala o seu presidente, Román Cid, conta con máis dun centenar de socios de toda Galicia e, xuntos, posúen case 1.500 colmenas. Á xuntanza asistiron case a metade dos socios.

Un dos focos principais da reunión foi a problemática da velutina, a avispa asiática, e as estratexias de loita contra este insecto que está invadindo a comunidade galega. "A velutina é un depredador incríble", explica Román Cid. "Come as abellas deixando a cabaña apícola baixo mínimos". A praga é xa unha realidade no interior das provincias de Ourense e de Lugo, e ten especial incidencia nas zonas da costa de Coruña e Pontevedra, onde a situación é limite. "A velutina é a ruina dun apicultor", declara un dos socios asistentes. 

Nesta liña Medio Rural firmou un acordo a pasada semana polo que duplicará o número de trampas que distribuirá este ano para loitar contra o insecto. Os medios comezarán a repartirse nos vindeiros días a través das catro asociacións apícolas existentes en Galicia. Así a Consellería achegará máis de 5.600 trampas coas correspondentes monodoses de líquido atraente que se sumarán ás máis de 5.000 repartidas nos ultimos anos. 

Respecto á eficiacia destas novas trampas o presidente da asociación asegura que aínda non se pode facer unha valoración. "Funcionan como un cebo que atrae a avispa e a deixa atrapada", explica Román Cid. Concretamente a Asociación Abellas Nais disporá de 95 trampas e 570 monodoses para 37 asentamentos apícolas. 

Se as expectativas para a presente tempada apícola son "mais ben incertas", segundo sinala o presidente da asociación pola problemática da avispa asiática, os datos da pasada campaña 2016 revelan unha mala colleita en comparación con outros anos. "O tempo estivo moi malo, as plantas non producían o néctar necesario", explica Cid. "Na asociación recollimos ao redor de 30.000 kilos de mel, sobre a metade que no ano 2015". 

Os socios de Abellas Nais que pagan, por ser membros da asociación, unha cuota de 20 euros por ano, botan en falta máis subvencións por parte da Xunta para poder mercar cera, xa que "supón a inversión máis grande dun apicultor", segundo comenta un dos participantes na asemblea. "Deste xeito, poderíamos investir o aforrado grazas a estas axudas en mercar novas caixas", engade. 

Outro dos aspectos que preocupan, e moito, aos membros do sector apícola son os roubos das colmeas. O pasado ano roubáronse na zona de Xinzo ao redor de 50. "Neste caso temos seguros individuais que cubren roubo, furto, incendios e inclemencias meteorolóxicas, pero os costes son moi elevados", sinala un dos participantes na reunión. "No meu caso, por 60 colmenas pago 300 euros ao ano", puntualiza. Segundo destaca o presidente da asociación, hai contratado un seguro obrigatorio para poder levar a cabo os cursos formativos, pero a cobertura deste servizo é "relativa". Na vindeira asemblea abordaránse cuestións vencelladas á aprobación das contas, á renovación da xunta directiva e ao seguro da asociación.

Renovación da directiva para a próxima asemblea

O presidente da asociación Román Cid, estivo acompañado do secretario da organización, así como de dous dos vocais. Non asistiu, pola contra, o tesoureiro do ente. O encargado da administración económica abandonou recentemente o cargo, motivo polo cal non se puideron presentar as contas anuais. Este feito provocou certo malestar por parte dun sector dos socios que solicitaron a convocatoria dunha asemblea extraordinaria para o vindeiro día 12 de marzo.Nesta data procederase a nomear nova directiva e novo tesoureiro. 

Te puede interesar