As orixes medievais do Val do Salas saen á luz en Baltar

tumba descuberta
photo_camera Unha tumba descuberta no Xacemento do Santo Vello.
Estes profesionais, logo do descubrimento dunha nova tumba nunha das sondaxes abertas, reafirmaron que dito espazo contaba cunha “forte carga relixiosa”

O Concello de Baltar e a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia -baixo a Iniciativa Xove- aunaron esforzos nas últimas semanas na liña de indagar as orixes medievais do Val do Salas mediante unha intervención arqueolóxica da que formaron parte varios investigadores, os cales darán a coñecer os resultados desta iniciativa a través dunha visita divulgativa que se celebrará nos vindeiros días. 

Concretamente, o Xacemento do Santo Vello, situado na aldea de Tosende, no propio concello de Baltar; foi o enclave arqueolóxico escollido polo grupo de xóvenes arqueólogos co obxectivo de levar a cabo as investigacións sobre a Alta Idade Media en Galicia.

Estes profesionais, logo do descubrimento dunha nova tumba nunha das sondaxes abertas, reafirmaron que dito espazo contaba cunha “forte carga relixiosa” ao estar destinado a enterramentos. Consideraron, do mesmo xeito, que este xacemento tiña “un gran potencial no eido arqueolóxico e medievalista” posto que “en moi pouco espazo aberto os resultados foron moi positivos”, tal e como asegurou o arqueólogo director do proxecto, Martín Rivas.

Prevese que nos vindeiros días se leve a cabo unha visita guiada con fins divulgativos. Preténdese poder explicarlle aos participantes que se acheguen os traballos levados a cabo, así como dar a coñecer o interesante patrimonio co que conta o concello de Baltar.

Te puede interesar