O plan de cobro polo uso das autovías provocará "o abandono do rural" según o PP de Xinzo

2019013122272235167
photo_camera Antonio Fernández Veiga, voceiro do PP no Concello de Xinzo. (Foto: Andrés Cachalvite).
Dende o partido da oposición lembraron que a poboación deste entorno precisa facer moitos desprazamentos para cuestións cotiás. 

O Partido Popular de Xinzo vén de amosar o seu rexeitamento ao plan de cobro polo uso das autovías e rexistrou, neste senso, unha moción para debatir esta cuestión na vindeira sesión plenaria que se celebre na vila. Do mesmo xeito, instará tanto á Federación Galega de Municipios e Provincias, como á Federación Española a solicitar a retirada da proposta ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do Goberno de España. “Dende o Grupo Municipal entendemos que esta é unha medida estafadora e fraudulenta, co único fin de recadar e gravar as xa afogadas economías das nosas veciñas e veciños”, lamentaron os populares de Xinzo, que explicaron que o Concello limiao, como municipio rural, “necesita da mobilidade viaria para o seu funcionamento diario”. Os edís da oposición recordaron que neste entorno a poboación precisa facer moitos desprazamentos para cuestións tan cotiás como “consultas médicas, visitar a persoas ingresadas en centros hospitalarios, operacións cirúrxicas, traballo, negocios, movemento de mercadorías, estudos, competicións deportivas, eventos educativos e culturais, trámites en Facenda ou calquera outro de índole estatal ou autonómico, así como para actividades de lecer ”. 

Para os populares de Xinzo de Limia, a medida que quere concretar o Goberno central remataría co mundo rural xa que suporá unha “carga económica” para os seus habitantes á hora de “realizar con normalidade o seu día a día, o que nos levará a que a poboación troque a súa residencia domiciliaria para as grandes urbes e abandone definitivamente o seu fogar no rural. Esta medida traerá da man unha importante baixada no censo de concellos como o noso, sendo xa importante a minoración que sufre xa a día de hoxe”. 

Te puede interesar