A planta para a xestión de plásticos en Xinzo ocupará 2.979 metros

PARCELA
photo_camera A parcela que ocupará a planta é de titularidade municipal.
Os restos almacenaranse en contedores abertos, estancos, xaulas e contedores para líquidos

O Concello de Xinzo segue a desvelar detalles da súa futura planta de xestión de residuos plásticos procedentes da actividade agrícola que se asentará nunha parcela de titularidade municipal de 2.979 metros cadrados e forma rectangular. 

As instalacións, para as que existe xa un proxecto específico, estarán ubicadas no parque empresarial do municipio e precisan dun orzamento de 289.079 euros. Neste senso, o Goberno local requeriu a colaboración da Xunta de Galicia a través do seu representante en Ourense, Gabriel Alén, co obxectivo de desenvolver un proxecto que pretende, segundo matizaron dende a entidade local, "mellorar a situación medioambiental da comarca" e converterse "nun referente na recollida e tratamento de residuos que proveñan, maioritariamente, do sector da agricultura".

Por outro lado, na planta traballaríase na clasificación e empaquetado de todo tipo de plásticos e residuos para o seu posterior envío a outros xestores que se encarguen do reciclaxe. Os restos almacenaranse en contedores abertos, estancos, xaulas, caixas e contedores para líquidos, en cantidade suficiente para mantelos nas distintas fraccións de recollida. Ademais, a rede de saneamento terá especial importancia. Neste senso, deberá evitarse a filtración de augas contaminadas. 

Por último, está previsto que a zona de oficina e vestiarios se realice cunha construción prefabricada de tipo modular.

Te puede interesar