A Policía limiá e a Garda Civil reforzan a súa cooperación

Na orde do día do pleno do martes tamén se inclúen os expedientes para a ratificación da aceptación das sete subvencións concedidas polo Goberno central para a substitución de 4.610 luminarias vellas do concello por outras con tecnoloxía LED

A Garda Civil e a Policía Local reforzarán a súa cooperación e comunicación mediante un convenio de colaboración que asinarán o Goberno central e a Administración local limiá e que se presentará no pleno deste martes. 

A través de dito acordo,  realizarase un intercambio de información no ámbito da seguridade cidadá. A Garda Civil, pola súa banda, informará ao Concello dos datos estatísticos mensuais relativos á actividade policial e delictiva e, con carácter anual, facilitará, do mesmo xeito, un resumo sobre a evolución dos mesmos datos. 

Por outra banda, o executivo local proporcionará á Garda Civil a información de interese policial da que dispoña e facilitará ao mesmo corpo os planos e soportes informáticos actualizados do sistema dixitalizado de cartografía municipal, así como información sobre direccións, teléfonos, horarios e réxime de funcionamento dos servizos sociais, casas e centros de acollida que poidan colaborar no auxilio das vítimas de violencia de xénero, menores en situación de desamparo e mulleres que desexen abandonar o exercicio da prostitución, ademais doutros aspectos que consideren de interese para mellorar a seguridade e asistencia cidadá.

Por último, en relación ao acceso ás bases de datos, mediante a sinatura desde convenio habilitaranse as fórmulas precisas ou potenciaranse as existentes para facilitar o acceso e consulta por parte dos respectivos corpos policiais aos bancos de datos sobre requisitorias xudiciais e persoas desaparecidas, así como vehículos sustraídos e obxectos de interese policial. 

PLENO ORDINARIO

A Corporación local de Xinzo reunirase o martes, ás 13,00 horas, nunha sesión plenaria ordinaria na que, ademais do convenio en materia de seguridade cidadá, abordarase a fixación dos festivos locais: martes de Entroido e 18 de xullo (Santa Mariña). 

Por outro lado, na orde do día tamén se inclúen os expedientes para a ratificación da aceptación das sete subvencións concedidas polo Goberno central para a substitución de 4.610 luminarias vellas do concello por outras con tecnoloxía LED. Con estes plans prevese un aforro do 70 por cento dos case 258.500 euros da factura da luz anual. 

Tamén se debaterán tres mocións do PP en relación á asignación de recursos do programa Next Generation para as iniciativas ligadas ao ámbito da mobilidade sostible en concellos de menos de 50.000 habitantes; o apoio ao Xacobeo e á baixada do prezo da electricidade. Está prevista a aprobación ñda conta xeral do 2020.

Te puede interesar