A LIMIA

O polígono de Xinzo conta xa con 350 MB de internet

Vilamarín, Vilar de Santos e Pontedeva, os seguintes en ter esta velocidade 

Un total de 17 empresas do parque empresarial de Xinzo de Limia dispoñen xa de acceso a internet con velocidades de ata 350 Mbps. Esta conexión é posible grazas a unha das actuacións do Plan de Banda Larga 2020, que está a impulsar a Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa compañía de telecomunicacións R.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, acompañada polo responsable de R, Jacobo González de los Santos, mantivo onte unha xuntanza informativa cos empresarios deste polígono da comarca limiá para trasladarlles as vantaxes dun plan que supón unha ambiciosa aposta tecnolóxica. A reunión desenrolouse na casa do Concello da vila e nela participou o alcalde de Xinzo, Manuel López Casas.


Cubertas un 85% do total 


Díaz Mouteira lembrou que grazas a este proxecto, impulsado pola Amtega, o 85% das superficies empresariais ocupadas da provincia ourensá terán acceso a redes de máis de 100 Megas antes do remate do presente ano. Así, a delegada territorial subliñou que ademais dos negocios do polígono de Xinzo, máis de 50 empresas dos parques empresariais de Vilamarín, Pontedeva e Vilar de Santos, quedarán conectadas a estas redes ultrarrápidas ao longo de 2018, co que cando remate o ano serán 11 os parques empresariais ourensáns beneficiados polo plan dende que comezaron as actuacións en 2016. Antes recibiron esta alta velocidade de conexión os polígonos industriais de Allariz, Barco de Valdeorras, Carballeda, Celanova, Ribadavia e Verín. As empresas dos polígonos beneficiados desta actuación do plan poden contratar servizos de internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 megas de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.

Te puede interesar