política local

O PP de Xinzo censura a xestión do goberno local

O grupo da oposición municipal di que a institución segue sen facer fronte a importantes compromisos de pago

"Mala ou nula xestión dun grupo de Goberno que en cinco meses abandeira unha subida do imposto do lixo dun 10% ou unha falta de previsión endebedando ao Concello". 

Así se expresa o grupo municipal do PP en Xinzo de Limia, que critica con dureza a xestión do grupo que encabeza a alcaldesa socialista Elvina Lama. Os populares aluden a que están sin pagar nóminas, subvencións ou abono a provedores, polo que falan de "falta de previsión e caos interno no catripartito".

Unha nota deste grupo da oposición advirte que o grupo de goberno "anda a correr para aprobar un crédito de 1.850.000 euros para facer fronte os gastos ata rematar o ano". 

Segundo a opinión que sostén o PP hai traballadores muncipais  sen percibir o seu salario e as asociacións seguen sen ingresar as subvencións aprobadas fai meses. Tamén sinalan que hai "facturas gardadas nos caixóns sen présa de abonalas, non apertura novos concursos de contratos xa rematados (como o do mantemento eléctrico ou alumeado de Nadal)".

Os populares fan unha dura crítica á alcaldesa, Elvira Lama, "que prefire estar pendente de roldas de prensa sen contido con titulares banais, ou de culpar falsamente, unha e outra vez, ao anterior Grupo de Goberno, ou a subida de impostos".

Instan os populares ao goberno de Xinzo de Limia a que se anticipe "aos futuros problemas, buscando solucións a tempo, non improvisando sobre a marcha."

Dende a oposición piden que se tomen en serio a xestión económica do Concello e que se elabore e aprobe o orzamento polo que se debe rexir a institución local no futuro inmediato. 

Te puede interesar