Política Local

O PP de Xinzo levará a pleno o estado da Travesía da Moreira

IMG_20210203_124408
photo_camera Zona da Travesía da Moreira, en Xinzo de Limia.
Dende a formación azul lamentan que provoca picados, rebentóns, ou desequilibrios dos chasis aos coches. 

O Partido Popular de Xinzo preguntará sobre as deficiencias existentes na Travesía da Moreira na vindeira sesión plenaria. Este vial estase empregando de xeito alternativo á coñecida como Pista Sitibal, nestes intres en obras -dende o verán pasado a través dunha subvención da Xunta de Galicia-. 

Dende a formación local amosan a súa preocupación sobre o estado da estrada, que, lamentan, está a ocasionar "picados, rebentóns de rodas, desequilibrio dos chasis, ou bolos na chapa por culpa das pedras soltas" e que "son típicos dende o inicio do denso movemento rodado desta pista". Neste senso, denuncian o feito de que dende o goberno local de Xinzo "non tomaron ningunha mediada para evitalos. Medidas que foron pedidas dende o inicio destas deficiencias polos concelleiros do Grupo Municipal Popular". 

Por último, os populares aseguran que as veciñas e veciños da zona da Moreira "están preocupados xa que desconfían que esa pista non se vai arranxar unha vez se reabra a Sitibal, facendo intransitable o acceso ás vivendas ou negocios. Non se fían das hipócritas promesas da Alcaldía como pasou na Avenida de Celanova". Así dende o PP pedirán acondicionar A Moreira "o antes posible".

Te puede interesar