Entrevista

“Recuperar a Lagoa de Antela é imposible pero hai que evitar estragala aínda máis"

Manuel Seoane Feijóo. (Foto: Miguel Ángel)
photo_camera Manuel Seoane Feijóo. (Foto: Miguel Ángel)
Manuel Seoane Feijóo, presidente do Centro de Cultura Popular do Limia

A décimo cuarta edición dos Cadernos culturais do Limia ou, o que é o mesmo, a popular revista Lethes será presentada hoxe, ás 19,00 horas, no salón multiusos de Vilar de Santos. Trátase dunha publicación que aúna as visións que 17 persoas vencelladas á comarca teñen sobre ela. Nesta ocasión, o fío condutor é a desecación da Lagoa de Antela, sen deixar de lado outras temáticas máis actuais dentro da cultura da contorna ou a incidencia da Guerra Civil na comarca da Limia. 

Que teñen en común todos os escritores dos artigos que participan no número 14 do Lethes?

Veñen de disciplinas moi variadas, algúns son de xeografía, outros son historiadores e outros do mundo da arte. O único en común é que teñen algo que aportar dende o punto de vista da cultura na Limia. Se no número anterior o fío condutor foi Carlos Casares, nesta ocasión é a Lagoa de Antela. 

Tanto dende o Centro de Cultura Popular do Limia, como dende o Museo da Limia, fixéronse actividades para recuperar a memoria da Lagoa, que balance fan das mesmas?

Hai un sector da poboación que é sensible a esto, e outro que ten mais reticencias. Se temos un territorio singular e ofrecemos unha agricultura dende o mesmo, penso que se valorará máis o produto. Quixemos incitar á xente a estudar e facer análises, mover un pouco a cultura. Recuperar a Lagoa é imposible, pero hai que evitar estragala mais. 

Por que deixou de publicarse a revista con periodicidade anual?

Fundamentalmente polo tema económico. Ao principio había un apoio da Secretaría de Política Lingüística que subvencionaba a publicación ao estar en galego. Agora xa non existe. Penso que neste momento o galego non interesa para nada á administración autonómica. Grazas a Deputación, que é a que imprime, podemos seguir.

Por que recomendaría a lectura destes artigos á cidadanía limiá?

Penso que é imprescindible coñecer de onde vimos para poder saber cara onde queremos ir. É importante saber o que hubo para non estar cometendo errores. Trátase de conformar un medio máis sostible no que as actividades económicas tamén se encaucen en algo que teña que ver coa comarca, porque hai cousas particulares que soamente se poden facer aquí.

Te puede interesar