A reforma da reitoral de Xinzo podería concluír antes de final de ano

rectoral
photo_camera Jaime Collazo, Elvira Lama, Tomás Delgado, Rafael Penabad, e Ramón Gómez Salgado.
A alcaldesa do Concello de Xinzo, entidade que colabora nesta reforma, visitou o estado das obras

A reforma da Casa Reitoral de Xinzo atópase xa moi avanzada e malia que o prazo de execución fixouse, a priori, para o final deste ano 2021, a alcaldesa limiá, Elvira Lama, asegurou que o proceso podería rematar antes do previsto, é dicir, entre os meses de setembro e outubro. Acompañada dos edís de Infraestruturas e Urbanismo -Rafael Penabad e Ramón Gómez, respectivamente- a rexedora visitou a reforma destas instalacións coa que colabora directamente o Concello de Xinzo cunha partida de 50.000 euros -a Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia e o Obispado achegaron, para a mesma finalidade, 150.000 euros en cada caso ata chegar, en total, a un investimento de 500.000 euros-. 

O párroco de Xinzo, Tomás Delgado e o tamén sacerdote na vila, Jaime Collazo, percorreron xunto aos representantes municipais as melloras realizadas, que xa comezan a ser visibles, e que se iniciaron a finais do pasado ano 2020. “As obras avanzan a moi bo ritmo, pero houbo que facer catas, apareceron restos arqueolóxicos, e tamén houbo que solventar varios problemas estruturais. A Reitoral está quedando moi ben, con numerosas dependencias e espazos adaptados”, explicou a rexedora de Xinzo de Limia, Elvira Lama este martes. “Por outra banda, no proceso téñense que cumprir unha serie de normas na edificación que suxire Patrimonio xa que a Casa Reitoral de Xinzo atópase ao pé do Camiño de Santiago”, engade. 

O PROXECTO

Tal e como recordaron dende o Concello de Xinzo, o proxecto para o acondicionamento integral da Casa Reitoral contempla a habilitación das dependencias deterioradas con humidades e a construción de tres vivendas para os sacerdotes da parroquia na planta alta. A parte baixa dedicarase a actividades como o catecismo, salas de reunións ou locais para Cáritas. 

Entre as actuacións de mellora tamén destaca a recuperación de elementos arquitectónicos tradicionais como o pasillo existente na fachada norte e a eliminación de elementos engadidos con formigón. Tamén está previsto que a fachada exterior sufra modificacións que favorezan a recollida de augas pluviais.

Por último, no Consistorio limiao subliñaron que dita a intervención neste inmoble, exemplo da arquitectura civil do século XIX, era “moi necesaria” debido ao seu “preocupante estado de conservación”.

A  rexedora de Xinzo, Elvira Lama, avanzou que, xunto aos sacerdotes de Xinzo revisarase o estado doutras construccións similares existentes no Concello de Xinzo na liña de procurar a súa mellor conservación, unha  acción que interrumpiu a pandemia pero da que se recuperará o seu estudo en breve.

Te puede interesar