O Samaín limiao repartirá 600 euros en premios

O prazo de presentación das propostas, que terán que ser remitidas ao enderezo de correo electrónico da concellería de Cultura [email protected], rematará o vindeiro día 30 de outubro

O Concello de Xinzo de Limia, a través da Concellería de Cultura que dirixe Ramiro Rodríguez, convoca a segunda edición do Concurso de minicontos de medo e terror con motivo do Samaín. Os obxectivos son, por unha banda, fomentar o gusto pola lectura e, pola outra, difundir esta tradición. Os premiados -elexiranse tres dentro das categorías xuvenil e infantil- recibirán, en total, 600 euros en vales para mercar nas librerías do municipio limiao. 

Segundo as bases do certame, que xa se poden consultar na páxina web do Concello de Xinzo, as obras terán que estar vencelladas á tradición celta do Samaín e ser orixinais, escritas en galego e ter unha extensión máxima dunha páxina tamaño A4. 

O prazo de presentación das propostas, que terán que ser remitidas ao enderezo de correo electrónico da concellería de Cultura [email protected], rematará o vindeiro día 30 de outubro ás 24,00 horas. No mail haberá que incluír o título do conto e os datos do autor ou autora. Os contos tamén se poderán entregar manuscritos ou impresos en papel nos centros educativos ou na Casa da Cultura. 

O XURADO

Por último, o xurado estará composto por persoeiros relacionados co mundo das letras e polos directores e directoras dos centros educativos, CEIPs e IES do concello ou persoas que designen. Como secretario, sen voto, actuará o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, que levantará a acta da decisión do xurado. O primeiro premio será un vale de compra de 150 euros nas librarías de Xinzo, o segundo terá a cantidade de 100 euros e o terceiro de 50 euros. Ademais, cada galardoado recibirá un diploma e un agasallo orixinal da asociación local Limisi.

Te puede interesar