En San Paio de Abades xa ninguén lembra á familia do seu ilustre veciño, Juan Velloso

Casa de campo que Velloso tiña en 1910 na aristócrata Alameda do Lumiar.
photo_camera Casa de campo que Velloso tiña en 1910 na aristócrata Alameda do Lumiar.

En San Paio de Abades andaban esta semana arranxando a travesía que comunica a aldea con Santiago de Rubiás, a un par de quilómetros de distancia. A mañá era fría e a persiana do único bar estaba baixada, polo que de primeiras non foi doado dar con ninguén que me poidera achegar algúns datos sobre a posible parentela de Juan Velloso.

Dinme que a dona ha de estar a chegar porque "foi facer un recado a Verín". En tanto, decido ir ó libro xeneolóxico do cemiterio parroquial, onde atopo varios Feijóos, pero ningún Velloso.

Unha insólita ausencia de información que desdín as copias dos xornais da época que eu levo impresas. "Pois eu nunca escoitei ese apelido aquí", contéstame un veciño octoxenario cunha conversación fluída, a mesma negativa que pouco despois me dan os clientes do bar, que me remiten a un familiar "duns que aínda viven hoxe en Estoril e se cadra eles coñeceron ós seus descendentes en Lisboa".

Pero nada. Nin en San Paio, nin en Tosende, nin en Santiago, nin en Meaus o apelido Velloso asoma en ningunha campa, cousa que podería levarme á conclusión de que Velloso Feijóo reclamase á súa familia para Lisboa (na información de "Vida Gallega" aparece nunha foto a súa irma María Nieves), pero que non lle fixo esquecer as súas orixes, xa que logo, este mesmo xornal, "La Región", do 4 de marzo de 1920, faise eco da creación dunha cartería "en el pueblo de San Paio de Abades, por influencia de Juan Veloso Feijóo..."

O mesmo xornal que tan só tres anos, o día 9 de marzo de 1923 reproduce unha esquela que anuncia o falecemento de "Juan Veloso Feijóo, comendador de número de Isabel la Católica y dignísimo joyero en la vecina capital de Lisboa", que aconteceu o 17 de febreiro dese mesmo ano, ós 68 anos, deixando, ademais da súa muller, do seu fillo Juan e da súa irmá en Lisboa, a un irmán e sobriños residentes en San Paio de Abades.

No tocante á xoiería da Praza da Figueira, xa nada queda, a non ser as portas abertas dunha tenda de roupa e complementos denominada "Zeva" que é posible que nada teña que ver cos Velloso Feijóo nin coa súa vinculeira descendencia.

Te puede interesar