Provincia

Vilar de Barrio homenaxea á muller cunha escultura

A creación está ubicada no centro do municipio e foi obra do escultor Lois Carrera.
photo_camera A creación está ubicada no centro do municipio e foi obra do escultor Lois Carrera.
Levará o nome de "Lieders" na honra do primeiro manifesto feminista

Dentro do plan impulsado polo Concello de Vilar de Barrio, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade, para promover diferentes obradoiros para educar na igualdade e na non discriminación por xénero, o escultor limiao Lois Carrera acaba de terminar neste municipio unha escultura na honra das mulleres. "A escultura vaise chamar Lieders, en homenaxe ao primeiro manifesto feminista de Galicia e que foi escrito por Rosalía de Castro cando tiña soamente 19 anos. Tátase de varias caras de mulleres e quixemos plasmar permanentemente con elas a reivindicación da muller e do seu papel na sociedade", explicou o alcalde de Vilar de Barrio, Manuel Conde, quen precisou que o lugar escollido para ubicar a escultura foi o centro do pobo co obxectivo de darlle unha maior visibilidade. "Imos a facer un calendario coa fotografía da escultura e cun texto baseado en Lieders, un manifesto no que Rosalía de Castro apelou á igualdade entre homes e mulleres, á liberdade do xénero femenino, así como á súa capacidade intelectual en igualdade de condicións en comparación co masculino. É moi curioso, moi bonito e moi revelador tendo en conta a época que era", asegurou o rexedor de Vilar de Barrio.

O Concello perfila a data na que se inaugurará a creación de Carrera e que rondará, previsiblemente, o vindeiro 21 de decembro. "Queremos ter no acto a dúas veciñas de cada un dos pobos do concello e intentarei que os alcaldes e alcaldesas da comarca nos arroupen no acto", asegurou o alcalde de Vilar de Barrio. "Vai a ser un acto moi sinxelo porque non se pode facer moito máis", engadiu. 

A Secretaría Xeral de Igualdade colaborou con 8.000 euros neste proxecto de sensibilización para a sociedade de Vilar de Barrio.

Te puede interesar