Vilar de Barrio reforzará a protección ante o lume dende Rebordechao

No encontro celebrado esta semana falouse tamén das posibilidades da aplicación Xesbío, o programa que permite aos concellos sumados ao convenio xestionar toda a tramitación administrativa da limpeza de franxas secundarias 

En setembro do pasado 2020, un voraz incendio forestal arrasou máis de 700 hectáreas de terreo en San Mamede, no pobo de Rebordechao -Vilar de Barrio-. Dende entón, varias iniciativas veciñais -e outras tantas de sensibilización- sucedéronse nos últimos meses dende este municipio para tratar de paliar os danos e evitar que, nun futuro, estes montes volvan a tornarse negros. 

Precisamente, a última iniciativa neste senso xurdiu dunha reunión entre o conselleiro do Medio Rural, José González -acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez- e o alcalde deste municipio ourensán, Manuel Conde. Ambos representantes institucionais abordaron por videoconferencia os mecanismos que se podían empregar dende o Consistorio por estar este adherido ao acordo subscrito entre a Xunta, a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga en materia de prevención de incendios. 

Deste xeito, na reunión tratouse a posibilidade de levar a cabo labores preventivos no monte veciñal de Rebordechao, afectado o ano pasado polo lume. Estes traballos sucederían ás tarefas de helimulching realizadas -en coordinación cos técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán- nunha área de 10 hectáreas da Serra de San Mamede, que consistiron en lanzar dende un helicóptero -por tratarse dun lugar con forte pendente- unha cuberta vexetal que aplicada sobre o terreo contribuiría a rexenerar a zona, freando a posible degradación do chan e reducindo a erosión e a escorrentía. 

O helimulching non foi a única iniciativa levada a cabo en Vilar de Barrio para frear a erosión logo das lapas, senon que un mes antes comuneiros, veciños e operarios municipais esparciron outros 1.000 quilos de semilla -Secale cereale- co obxectivo de frear do mesmo xeito a posibilidade de que as cinsas resultantes do lume chegasen ata o río Arnoia. Neste caso, a actuación realizouse nun total de seis hectáreas de terreo. 

No encontro celebrado esta semana falouse tamén das posibilidades da aplicación Xesbío, o programa que permite aos concellos sumados ao convenio xestionar toda a tramitación administrativa da limpeza de franxas secundarias e comunicarse cos donos das parcelas que están dentro desas faixas. Esta aplicación posibilita xestionar e elaborar diferentes tipos de notificacións que os concellos lles envían aos titulares de parcelas nestas franxas e ofrece tamén a posibilidade de xerar un documento de adhesión dos particulares ao contrato de xestión da biomasa con Seaga.

SOLICITUDE DE LIMPEZA

O conselleiro de Medio Rural, José Gonzalez, lembrou que o convenio de protección das aldeas contempla medidas como o reforzo das actuacións preventivas mecanizadas nos 270 municipios adheridos ata o de agora ou o apoio aos consistorios na xestión da biomasa. Así, recalcou que os concellos poden realizar execucións subsidiarias nas franxas secundarias de ata un máximo de 10 hectáreas por ano, así como solicitar a limpeza ao longo de vías de titularidade municipal ata un máximo de 10 quilómetros por anualidade, entre outras vantaxes.

Te puede interesar