O Viso retoma o seu plan de Educación Infantil Familiar

O Centro de Desenvolvemento Rural O Viso retoma, coincidindo co inicio do curso, o seu proxecto de Educación Infantil Familiar na Limia, un servizo socioeducativo e de apoio ás familias da contorna. 

Este proxecto, matizan dende o CDR, consiste nunha serie de encontros semanais ou quincenais que teñen como obxectivo principal contribuír a potenciar “unha parentalidade positiva”. Nestes puntos de encontro participan familias, crianzas e unha profesional do Centro de Desenvolvemento Rural: Unha persoa educadora, animadora, mediadora de interaccións entre adultos e nenos e promotora de reflexións educativas sobre estilos e pautas de crianza.

Dende o CDR aseguran que é importante concienciarse sobre o papel que xoga a familia á hora de apoiar o crecemento e desenvolvemento dos nenos, polo que faise necesario “reforzar ou modificar actitudes, crenzas e prácticas de crianza”. Do mesmo xeito, preténsese implementar na sociedade “unha cultura da Educación Infantil Familiar” e desenvolver a cultura e a lingua galega.

De cero a seis anos

Este proxecto, que se desenvolverá ao longo do curso en diferentes concellos da Comarca da Limia, está dirixido a familias con nenos e nenas de entre cero e seis anos de idade. Para obter máis información pódese acudir  á Rúa Ladeira 21, Xinzo de Limia; contactar no teléfono 988461571 ou a través do correo: [email protected], así como nas redes sociais do CDR.

Te puede interesar