ENTREVISTA, NOVOS PARA OS CONCELLOS

Xoán Xosé Jardón: “Podemos deixar de facer un camiño, pero os servizos sociais nin se tocan"

jardon1
photo_camera Xoán Xosé Jardón, no seu despacho do consistorio de Vilar de Santos.

O alcalde de Vilar de Santos ten en marcha  un proxecto que ten que ver coa actividade económica e o emprendemento

Máis que facer un repaso ós primeiros meses de Xan Xardón na alcaldía de Vilar de Santos neste mandato, habería que tomar como punto de partida 2.005 para avaliar a súa xestión. Aínda que pouca análise se precisa se se toma como parámetro de estudo a porcentaxe de votos obtida nos últimos comicios e a ausencia de oposición na Corporación municipal. Xardón é un personaxe activo, comprometido co servizo ó cidadán e cos seus deberes. Encaixe de boliños fixo para dispor de media hora para esta entrevista, que atendeu uniformado con katiuskas.

É palpable o frenesí que se vive neste consistorio de Vilar de Santos. ¿Sempre é deste xeito?
Temos sempre un montón de cousas e moito traballo diario. Este é un Concello no que sempre temos, afortunadamente, moita actividade.

Qué se concretou nestes primeiros meses de novo m andato á fronte do Concello?
Concretáronse cousas importantes, sobre todo para este primeiro ano de mandato. Estáse executando no polígono unha infraestructura que nós levabamos moito tempo demandando, que é o punto limpo, e que se comprometeu nestes últimos cen días. É unha infraestructura que nos facía moita falta e que ven a complementar todos os servizos dos que dispón o noso polígono. Tamén en agosto se iniciaron os traballos dun obradoiro conxunto cos concellos de Allariz e A Bola. Estivemos pendientes da brigada forestal, tamén estamos a voltas cun proxecto medioambiental e de compostaxe que queremos facer co Concello de Allariz que se concretou na súa segunda fase. Digamos que escomenzamos un mandato novo en forma. 

Poida que resulte difícil logo de dez anos e tendo moito traballo xa feito, escomenzar con eses folgos.
O noso proxecto non se agota. É un proxecto colectivo e ilusionante, e esa ilusión se transmitiu na campaña. E segue intacta. Agora, temos moita depositada na segunda fase da área de rehabilitación integral, con esa dotación de Fomento que acabamos de asinar. Escomenzamos unha segunda na que nos imos volcar porque Vilar de Santos é un Concello no que se pode vivir moi ben. Se por algo se caracteriza é polo nivel e a dotación dos servizos públicos que temos, cun polígono industrial que está medrando con proxectos. Temos unha actividade económica que se consolidou, pasamos unha crise pero aquí se consolidaron iniciativas e sairon unhas novas. Esta capacidade de emprendemento sae dos empresarios, pero creo que tamén ten posto moito da súa parte o Concello. 

Fáleme dese convenio que se acaba de suscribir. 
Somos o único núcleo rural recoñecido nesas axudas. Os outros son cascos históricos catalogados e consolidados. E nós, aínda que o noso casco histórico non ten edificios catalogados, pois foi recoñecido. E con esta nova fase póñense uns 134 mil euros, previstos, e logo haberá unha aportación que faga o Concello co seu equipo técnico. Será o noso grande desafío, porque creo que estamos en capacidade de recibir poboación. 

Vaia, que logo de fixar empresa, toca fixar poboación. Un chisco ó revés do resto de colegas, que todos din que a prioridade é o emprego.
 Nós, sinxelamente, non cremos nesa política finalista de subvención. O Concello é un instrumento que debe estar a disposición das políticas de fomento e dinamización, iso é pensar a longo prazo. Co anterior alcalde, e nestes dez anos, as cousas se planifican a longo prazo. Temos uns servizos punteiros para o cidadán, que creou emprego, e que tamén deu paso á consolidación do noso sector agrario, no que tamén tivemos relevo. E tamén se deu o paso de crear solo industrial a un prezo social, que oscila entre os 18 e 20 euros por metro, que fai que os emprendedores se plantexen vir a Vilar de Santos. Creo que estamos na boa vía.

É a hora, entón, da xente. 
Sen dúbida, aínda que concellos coma o meu sempre teñen o mesmo problema, que é o da financiación, por eso eu sempre fun moi crítico coa lei de racionalización do gasto dos municipios. Vai en contra da miña postura e contra a propia autonomía dos concellos. Eu quixera ter a financiación suficiente para sufragar todos aqueles servizos que temos que prestar obrigatoriamente, e todos aqueles que non son da nosa competencia pero que tamén prestamos, porque somos a Administración que estamos no día a día da xente. Os concellos somos tan administración coma a autonómica ou a central. E neste entorno de crise, somos os que menos débeda temos.

En concreto, éste non ten ningunha, pese ó grande gasto que supoñen ter que afrontar os recursos que se adican a servizos sociais. Teño claro que estes servizos non se tocan, foi, é e seguirá sendo a nosa aposta. Cando unha persoa che chega ó Concello cun problema de dependencia, nós non imos agardar á valoración que faga outra Administración, nós actuamos xa, porque a ese cidadán hai que darlle resposta no momento, non pedirlle que agarde. 


Véxoo moi orgulloso dese capítulo do seu Concello.

Estouno. Dígoo moi satisfeito, non hai ninguna persoa que teña necesidade de recibir unha atención dos servizos públicos deste Concello que non estea atendida, o dicimos con total honestidade e iso vai seguir sendo así. Esa é unha aposta que as veces non se ten concretado na mesma intensidade dende outras administracións. 

Algún proxecto que non poida pasar sen rematarse cando finalice esta lexislatura?
Temos un en marcha que ten que ver ca actividade económica e o emprendemento, pero concretarémolo no seu momento.

Te puede interesar