INFRAESTRUCTURAS - POLÍTICA

Xinzo cede á Deputación a estrada de Vilar de Barrio

Pleno Xinzo_result
photo_camera Un momento da sesion plenaria que celebrou a corporación municipal de Xinzo.

Agarda que acometa investimentos para acabar coa súa alta siniestralidade

A corporación municipal do Concello de Xinzo celebrou o pleno ordinario correspondente ao mes de marzo no que o punto máis salientable foi a aprobación da cesión do vial OU-P-000, que une Xinzo de Limia dende o enlace 193 da Autovía A-52 co concello de Vilar de Barrio. Trátase dunha iniciativa impulsada polo grupo municipal socialista a finais do pasado 2016 co obxectivo de que a pista pasase a integrar a rede viaria da Deputación de Ourense. Neste sentido, o grupo da oposición considera que "é o organismo que ten as competencias necesarias para proceder á mellora urxente deste vial que ten unha elevada siniestralidade".

Segundo sinala a portavoz dos socialistas en Xinzo, Elvira Lama, "a moción xa se levou ao pleno da Deputación no mes de decembro e foi aprobada por todos os grupos á excepción do BNG, que se abstivo na votación". Os nacionalistas consideran que "a solución real ao problema do vial de Vilar de Barrio pasa por que a Xunta de Galicia faga un novo proxecto para a remodelación da estrada". Lama recordou que o principal obxectivo é mellorar a seguridade dos usuarios desta perigosa estrada que atravesa tres concellos, Xinzo, Sarreaus e Vilar de Barrio". 

Por outro lado, a Corporación aprobou por unanimidade o convenio coa Confederación Hidrográfica Miño Sil, que permitirá, entre outras melloras, a instalación dunha depuradora de augas residuais no lugar de Fiestras. 

A ratificación inicial da Ordenanza Xeral de Subvencións contou coa abstención dos tres grupos da oposición. Neste sentido, os socialistas remarcaron que valoran "positivamente" que "o Concello esté a ser máis transparente", pero "queren revisar a ordenanza por se se pode mellorar". 

O resto das cuestións, entre as que se atopaban a aprobación do Plan de acción de enerxía sostible ou a protección frente ao amianto, aprobáronse por unanimidade. 

Te puede interesar