Xinzo humanizará con fondos propios a praza do Conservatorio da vila

praza
photo_camera A rexedora de Xinzo, Elvira Lama, e o edil de Obras, Ramón Gómez, visitaron o espazo.
A rexedora de Xinzo, Elvira Lama, e o edil de Obras, Ramón Gómez, visitaron o espazo.

O Concello de Xinzo iniciará un plan de recuperación e posta en valor dos espazos máis degradados e esquecidos da vila, comezando pola praza ubicada fronte as instalacións do Conservatorio municipal que, segundo fontes municipais, “é un espazo marxinal que se encontra moi deteriorado”. Neste senso, o Goberno local conta cun proxecto “singular” que cambiará a imaxe deste lugar e prevé que os traballos para levalo a cabo comecen en canto remate o curso. A rexedora local, Elvira Lama, e o responsable de Obras do Concello de Xinzo, Ramón Gómez Salgado, visitaron dito espazo para concretar un plan que contribúa a facer del un lugar de encontro e descanso para os usuarios do centro e para a veciñanza en xeral.

Segundo explicaron dende o Consistorio limiao, a actuación centrarase no arranxo do pavimento con materiais que eviten a filtración da humidade e na instalación de diferentes elementos ornamentais como bancos e xardineiras. Ao mesmo tempo, co fin de que a praza ofreza alternativas de ocio e culturais, está prevista a colocación dunha plataforma que sirva para acoller diferentes espectáculos. “A atuación está dobremente xustificada, posto que estamos a falar da entrada principal a un centro educativo como é o Conservatorio. O que non se explica é que leve tantos anos no lamentable estado no que se atopa”, manifestou a alcaldesa socialista, que defendeu o “plan de recuperación de espazos degradados para transformalos en espazos saudables  ao aire libre” posto en marcha polo seu executivo.

Adaptándose á tendencia xeral de celebrar eventos ao aire libre –especialmente, debido á situación xerada pola pandemia- o Goberno local prevé que neste espazo das inmediacións do Conservatorio se poidan proxectar películas nas noites de verán, tendo en conta ademais que a praza se atopa nun lugar recollido do vento e das baixas temperaturas. Tamén é intención do Concello de Xinzo instalar un mural con fotografías antigas nunha das varandas que comunican co aparcadoiro subterráneo.

A remodelación da praza do Conservatorio está incluida tamén dentro dunha serie de melloras do entorno do Consistorio e da praza Carlos Casares

Te puede interesar