Xinzo pedirá o Día das Letras para Antón Tovar

O grupo de Goberno levará ao pleno unha moción para que se recoñeza ao escritor natural de Rairiz de Veiga en 2023

O Concello de Xinzo reivindica para Antón Tovar o Día das Letras Galegas 2023. A corporación local lembra os cen anos do nacemento do escritor, “momento idóneo para impulsar un merecido recoñecemento”. Así, o concello levará ao próximo pleno unha moción para instar á Real Academia Galega a que lle adique esta xornada. “O seu namoramento pola comarca queda explícito na súa obra”, subliñan. Ademais, a intención do executivo é dar traslado desta petición ao resto dos concellos da Limia para que teñan ocasión de mostrar o seu apoio.

Antón Tovar naceu en A Pereira (Rairiz de Veiga), o 26 de outubro do 1921. Finou en Ourense o 16 de xuño do 2004. Escribiu oito libros de poesía galega, oito de poesía española, dous de memorias e un de relatos galegos. “A súa paixón pola comarca reflíctese especialmente no traballo “O vento no teu colo”. Quedou sen publicar o Dicionario Ideolóxico Galego no que rexistrou as particulares expresivas da fala, entre elas o limiao”, destacan desde o concello.

ELOY CONDE

O grupo de goberno tamén presentará unha moción para iniciar os trámites para nomear fillo predilecto a título póstumo a Eloy Conde Conde, que naceu en 1947 na aldea de Damil e finou no 2019 en San Sebastián. “Dende moi novo encontrou no fútbol a maior das súas paixóns. Nos anos da súa infancia e adolescencia, os campos do Toural, da Seara e do Pombal, ademais do Seminario de Ourense, foron testemuñas de primeira man do devecer de Eloy Conde polo deporte do balompé”, sinalan.  Ademais, pedirán que se cree un torneo anual de fútbol base en memoria do deportista.

Te puede interesar