Xinzo pon en valor o seu patrimonio arquitectónico

Carlos Gómez, Amador Díaz e João Paulo Martins Ferreira.
photo_camera Carlos Gómez, Amador Díaz e João Paulo Martins Ferreira.
A xornada inaugural do evento que trata de ensalzar os recursos patrimoniais terá lugar este venres

Amador Díaz, alcalde de Xinzo de Limia, Carlos Gómez, concelleiro de cultura e João Paulo Martins Ferreira, investigador do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, anunciaron a exposición e a xornada “Os nosos castelos: a Limia, terra de torres. As fortificacións da Limia medieval”. A xornada inaugural do evento terá lugar o venres, ás 17,00 horas, na Casa da Cultura de Xinzo de Limia.

A iniciativa estase a desenvolver por terceiro ano polo Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, dentro dun programa financiado pola Xunta de Galicia, que busca poñer en valor as fortificacións galegas e a súa historia.

Neste mesmo acto serán entregados os premios ós traballos dos escolares sobre os castelos da Limia, consistentes en debuxos nos que participaron máis de 180 escolares de Xinzo de Limia e da comarca.

A actividade complementarase en próximas datas cunha nova teatralización na Torre da Pena, como parte do plan de posta en valor do patrimonio material e inmaterial do Concello de Xinzo de Limia que está levando a cabo a Concellería de Cultura.

Te puede interesar