Xinzo reparará 800 lousas do casco histórico

lousas
photo_camera Elvira Lama e Ramón Gómez visitaron o inicio das obras.
Preténdese mellorar a imaxe da vila ante a proximidade do verán

Operarios municipais de Xinzo iniciaron este luns un plan de reparación das lousas en mal estado do entorno do casco histórico. A rexedora local, Elvira Lama, e o concelleiro de Obras, Ramón Gómez, visitaron o inicio dos traballos na rúa do Peto -continuarán na praza e rúa de San Roque e na zona dos viños, concretamente, polas rúas Lepanto, Constitución, Galicia e Santa Mariña-.  

Concretamente, actuarase sobre 800 lousas dentro deste proxecto que conta cun orzamento de 47.295 euros e que solventará os estragos existentes “por mor da orografía do terreo e da pouca resistencia do firme”, tal e como apuntaron dende o Consistorio de Xinzo. Trátase, segundo engadiron, “de embelecer o corazón da vila”, pero tamén de “minimizar os riscos de caídas e lesións dos veciños e visitantes que por el transitan”. 

Aínda que o prazo de execución da obra é de tres meses, o Concello confía en que os resultados poidan verse nas próximas semanas e que a maior parte das obras rematen antes da chegada do verán. 

Dende o Goberno local apuntaron que existe unha “demora” da subvención do Plan Hurbe. Trátase dun proxecto que foi presentado no seu momento á Xunta de Galicia e que pretende a rehumanización do casco histórico, comezando, precisamente, polas rúas principais: Galicia, Lepanto e Constitución. A inversión contemplada é de 350.000 euros, dos que a Administración autonómica aportaría o 70 por cento. 

A actuación para a substitución e reparación de cerca de 800 lousas do casco vello de Xinzo de Limia tratará de revitalizar o sector económico da vila, potenciando o pequeno comercio que se estende pola zona.

Te puede interesar