Xinzo terá en verán unha vintena de actividades

undefined
photo_camera Ramiro Rodríguez e Elvira Lama na presentación.
O Esquecemento celebrarase en agosto adaptado á situación actual

A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, e o edil de Cultura e Festexos, Ramiro Rodríguez, presentaron este mércores no Salón de Plenos de Xinzo a programación cultural, musical e festiva para este verán. Serán en total unha vintena de actividades “selectivas e con aforos controlados” que se adaptarán ás circunstancias derivadas da pandemia na liña de garantir a seguridade. Entre outras iniciativas celebraranse concertos, maxia, teatro, talleres ou cine na rúa, priorizando sempre a cultura galega. Xunto coa programación deportiva de verán, serán preto dun centenar as alternativas de ocio que se ofrecerán en Xinzo de Limia nos meses de xullo, agosto e setembro.

Despois da proxección de Cuñados na praza Carlos Casares prevista para este sábado, será a música a que chegue a este mesmo escenario –todas as actuacións musicais celebraranse neste punto ás 23,00 horas- o día 16 e da man de TOR, un grupo de folk. 

O día 17 será a quenda do Mago Antón -O Toural- e, dentro do ciclo Limiasonora, Terbutalina ofrecerá unha actuación na praza Carlos Casares. Os contacontos chegarán á vila o domingo 18 á praza de San Roque con Pedro Brandariz, mentres que a música volverá pola noite con O Sonoro Maxín.

Unha comedia musical está prevista para o luns 19 de xullo, ás 19,00 horas, na praza de San Roque. Leva por título “Ummm” e chegará da man de Teatro Avento Producións. O sábado 24 está programada a segunda edición da Foliada Antelana no parque do Toural con “As Cantigas de Elena”. O Día da Patria Galega, ás 12,00 horas, haberá unha ofrenda floral e realizarase a lectura dun manifesto no Parque Galicia.

O primeiro día de agosto será a maxia do circo a protagonista, cunha actuación ás 20,00 horas na praza Carlos Casares. O concerto de Óscar Ibáñez&Tribo agárdase para o 7 de agosto no mesmo escenario, mentres que o seguinte fin de semana, o sábado 14 de agosto, está prevista unha sesión de cine co título “María Solinha”, ás 23,00 horas, na praza Carlos Casares.

Despois do Esquecemento -previsto para a terceira semana de agosto en colaboración con Civitas Limicorum-, para o domingo 22 prevese a actuación no Toural, ás 22,30 horas, de Xabier Díaz&Adufeiras.

Te puede interesar