Xinzo volverá a ter unha festa da pataca e de maquinaria agrícola

photo_camera Amador Díaz Penín, Elvira Lama e Manuel Pérez Campos.
Aínda que non se desvelaron moitos detalles desta actividade, Díaz Penín comprometeuse a defender o sector agrogandeiro

O concelleiro de Medio Rural e tenente de alcalde de Xinzo, Amador Díaz Penín, anunciou onte que  a vila volverá a gozar dunha festa propia da pataca e da maquinaria agrícola. O evento celebrarase, previsiblemente, durante a terceira semana do mes de novembro. 

Aínda que non se desvelaron moitos detalles desta actividade, Díaz Penín comprometeuse a defender o sector agrogandeiro, ao tempo que, dixo, "se solucionarán con celeridade todos os problemas medioambientais que existan neste Concello". Neste senso, o tenente de alcalde anunciou que se está a traballar nunha planta de compost para dar solución á problemática do estado das augas da comarca. "Tamén estamos traballando na creación dunha planta de residuos de plástico cuxa ubicación será, previsiblemente, o Polígono Industrial", adiantou Díaz. 

Con respecto á polémica xurdida nos últimos días pola instalación dunha mesa informativa por parte de Auga limpa xa, trala que o Partido Popular criticou duramente o "pasotismo" do grupo de goberno, a rexedora de Xinzo, Elvira Lama, destacou que o colectivo contaba, na última feira, con todos os informes favorables e que a liberdade de expresión "é un dereito". Por outra banda, a alcaldesa de Xinzo puntualizou que a convocatoria urxente da Mesa da Limia que solicitou o PP nun escrito "non lle corresponde ao GDR Limia - Arnoia, senon ao conselleiro de Medio Rural, que foi quen a creou hai cinco meses. Polo tanto, o único pasotismo que hai neste Concello é o do Partido Popular".

Te puede interesar