A LIMIA

A Xunta destina 22 millóns para impulsar cooperativas

Acto con motivo da celebración do Día do Cooperativismo Galego
photo_camera Acto con motivo da celebración do Día do Cooperativismo Galego, en Xinzo de Limia. (JOSÉ PAZ)

No Día do Cooperativismo, o conselleiro Francisco Conde, defendeu este modelo sustentable

A gala que se celebrou en Xinzo de Limia con motivo do Día do Cooperativismo Galego tivo a Limia Xestión como cooperativa anfitrioa. Ao acto asistiu o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, que convidou ás empresas e entidades que conforman a economía social a seguir traballando en colaboración coa Xunta para que Galicia poida manter un crecemento baseado nos valores deste modelo, é dicir, un crecemento cada vez máis xusto e sustentable, segundo sinalou.

O cooperativismo é un modelo que é fonte de creación de riqueza e emprego para Galicia e que se pretende impulsar desde a Xunta a través dun orzamento de 22,3 millóns de euros neste ano 2019. Nese sentido, o conselleiro destacou iniciativas como a Estratexia da Economía Social que se puxo en marcha a finais do pasado ano ou o Consello da Economía Social de Galicia para ofrecer asesoramento e visibilizar a actividade do sector.

Durante a gala entregáronse os premios de Cooperativismo no ensino ao IES Fernando Wirtz da Coruña polo proxecto Fungal Biomaterial e ao CIFP Paseo das Pontes, tamén da Coruña, pola iniciativa Biofroita, Sociedade Cooperativa Galega. Pola súa banda, Panxea (Santiago de Compostela) recibiu o galardón aos valores cooperativos; Rayados (Santiago de Compostela), ao mellor proxecto cooperativo novo; e a Cooperativa Agraria da Coruña (Bergondo), o recoñecemento á traxectoria cooperativa. 

Francisco Conde subliñou que os premiados son un exemplo para todos aqueles que queiran sumarse á familia da economía social e lembrou que, neste sector, Galicia conta con máis de 3.000 entidades que facturan 3.000 millóns de euros e dan emprego a 14.500 persoas, representando un 10% do PIB. 

O conselleiro asegurou que o cooperativismo forma parte do ADN galego e que se trata dun modelo asentado na comunidade autonómica e no que a economía galega confía cada vez máis, gracias a súa aposta polas persoas e pola promoción da cohesión tanto social como territorial e ao compromiso cos produtos galegos.

Te puede interesar