AXENDA CULTURAL

O poder comunicativo da poesía

IMG_2060_result
photo_camera Xesús Alonso Montero, Xoan Domínguez e Francisco Castro, na presentación do libro do autor celanovés "Soneto no alfabeto".

Os escritores celanovenses Baldo Ramos e Xoan Carlos Domínguez presentan este venres na Casa dos Poetas os seus novos traballos literarios

Celanova volve facer honra do seu lema "terra de poetas". Dous veciños da comarca, Baldo Ramos e Xoan Carlos Domínguez Alberte, presentan os seus libros esta tarde, a partir das 20,30 horas, na Casa dos Poetas.

"É un gozo e orgullo poder presentar o meu libro nun enclave tan importante como Celanova, un dos lugares con tradición literaria e cultural máis importante de Galicia", explica Domínguez Alberte, que presenta a súa última obra, "Soneto no alfabeto", un "exercicio de autoesixencia para reflexionar de forma divertida sobre que é a poesía", explica o poeta. Domínguez Alberte estará acompañado polo escritor e artista Baldo Ramos, que presenta o seu poemario "Cartas dende o esquenzo", un traballo no que a través da poesía analiza o deterioro da relación dun pai cos seus fillos.


"Soneto no alfabeto" persegue a intención de manter un diálogo interxeracional en clave de poesía.


"Diríxese a todas as idades, aínda que ben é certo que ten unha especial proxección ao mundo adolescente para achegarlle unha nova oferta poética", sinala Domínguez, quen compaxina a súa carreira literaria coa docencia. "Nas aulas decateime de que os mozos e mozas non teñen unha actitude de negación cara á literatura, senón que é máis unha cuestión de descoñecemento". Neste sentido, explica o escritor que a poesía é un xénero que casa moi ben cos tempos modernos de inmediatez e cambio: "Un poema ten a capacidade de transmitir moito empregando poucas palabras. Ademais da súa inmediatez e atemporalidade, ten moita potencia comunicativa". 

Cunha extensa producción literaria ás súas costas e con plans de publicar dúas novas obras no vindeiro ano, Domínguez Alberte sempre ten novas ideas na súa mente: "Estou marcado pola realidade que me circunda, polo que 

teño o compromiso de transformar os valores e o vínculo que manteño coa miña terra, adáptandoos aos novos tempos e dándoos a coñecer ás novas xeracións".

Te puede interesar