Allariz organizará anualmente un festival de xardíns co que calcula gañar 40.000 metros cadrados de espazos verdes

O Concello de Allariz presenta hoxe a exposición Festival Internacional de Xardíns, cedida pola Câmara de Ponte da Lima, no norte do Portugal, que pretende converter en antesala da organización, o próximo ano, dun festival propio, arredor dos xardíns, que vai impulsar o municipio ourensán, e que permitirá habilitar 40.000 metros cadrados máis de espazos verdes.
Allariz seguirá sumando espazos verdes á localidade e mellorando máis aínda as marxes do río Arnoia. A partir do ano 2010 o concello, segundo sinalou a este xornal o alcalde, Francisco García Suárez, será ‘sede permanente dun festival anual de xardíns co que a vila incrementará en 40.000 metros cadrados o espazo verde’. Dese total, 25.000 metros destinaranse a exposición e 15.000 a usos múltiples. ‘Queremos seguir dando pasos na explotación dos nosos recursos dende un enfoque de economía responsable’, sinalou o rexidor, a través dunha actuación que ‘se encadra no corredor temático do Arnoia’.

O festival, que arrancará cada ano no mes de maio e se pro longará até outubro, servirá para ‘pór en valor a xardinería que Allariz cultivou nos últimos vinte años, a través de lugares singulares como o ecoespazo do Rexo, ou os xardíns de Portovello e a Alameda’.

A antesala da exposición

Non obstante, dende hoxe mesmo a localidade terá ocasión de coñecer de preto o mundo dos festivais, toda vez que se presenta, na praza do Matadoiro, a exposición Festival Internacional de Xardíns, cedida pola Câmara de Ponte da Lima, vila coa que Allariz comparte celebracións como a do boi. O acto de presentación será ás 11,30 horas e contará coa presenza tamén do presidente da Câmara, Daniel Campelo. A exposición permanecerá aberta ata o 2 de agosto.

A localidade portuguesa é un referente mundial neste tipo de acontecementos, e achegará unha exposición sobre a V Edición, e última, do seu Festival Internacional, que recibiu a visita de máis de 80.000 persoas. Precisamente, unha escolma dese eventó servirá para que Allariz organice a seu festival en 2010. No futuro, segundo o alcalde, ‘o evento poderá ser tanto temático como libre’.


Te puede interesar