Joaquín Dacosta achega o realismo á vila alaricana

Joaquin Dacosta(artista) Juan Antonio Seara (técnico de cultura)
photo_camera Joaquin Dacosta e Juan Antonio Seara.
Presentou a súa exposición que se poderá coñecer na sala da Paneira

Despois de acoller a presentación de Os rostros de Nós, a sala da Paneira de Allariz -ubicada na praza do Concello- volve a ser escenario de obras artísticas locais coa mostra do escultor e pintor Joaquín Dacosta. O propio autor, acompañado do responsable dos museos da vila e técnico de Cultura, Juan Seara, presentou a exposición -que será un dos reclamos artísticos do periodo estival- este mesmo martes. 

A obra de Dacosta, natural de Ourense, consta de varios cadros e esculturas de estilo realista e poderá visitarse, ata o vindeiro 11 de agosto, na Paneira alaricana, sendo o horario de apertura da mesma de martes a venres, de 19,00 horas a 21,00 horas, e sábados e domingos de 12,00 horas a 14,00 horas e de 19,00 horas a 21,00 horas. 

Joaquín Dacosta está vencellado ao ámbito artístico dende pequeno, xa que, tal e como recoñece, “sempre lle gustou moldear e dar forma a calquera anaco de madeira”. No que atinxe á pintura, Dacosta presentouse a diferentes certames a nivel provincial e autonómico, obtendo primeiros e segundos premios en diferentes períodos. 

Logo dun periodo afastado do eido máis artístico, con 30 anos retomou a súa dedicación centrándose inicialmente na madeira e as súas posibilidades. Para o artista cada obra tallada é  “unha nova oportunidade de vida”, e busca con cada un dos seus traballos “un reto de superación e aprendizaxe”. 

Logo de retomar a escultura en madeira, uns anos mais tarde fixo o mesmo coa pintura, apoiándose para elo no pintor onubense Faustino Rodríguez. Este foi o seu “gran mentor” e a persoa que axudou ao artista ourensán “a mellorar as súas técnicas”, tal e como recorda.

Te puede interesar