formacion

Un obradoiro reflexiona sobre a importancia da educación sexual

A actividade contará con psicólogos e sexólogos para analizar o comportamento dos adolescentes

Baixo o lema "Educación Sexual sen medo", a área de Igualdade do Concello de Allariz organiza, en colaboración co Instituto de Sexoloxía Incisex, a primeira edición da Escola Sexolóxica de Verán en Allariz. Será entre os días 17 e 19 de xullo cando a vila do Arnoia acolla esta iniciativa, que ten como obxectivo reflexionar sobre a educación sexual na adolescencia. 

Conferencias e mesas redondas a cargo de profesionais como Efigenio Amezúa, Samuel Díez e Almudena Herranz, docentes en INCISEX, o psicólogo Jaume Funes, as sexólogas Ismene Camarero, Raquel García e Sara Teja e Miren Izko; ademais dun espectáculo de danza con Nuria Sotelo e obradoiros así como actividades na Casa da Mocidade e no programa Concilia Verán, son as actividades que compoñen a programación do curso. Os participantes reflexionarán en torno a temas como os xeitos de amar en tempos de internet, a importancia da educación sexual ou o papel das familias neste eido, entre outros.

Segundo explica a técnica Ana Cardoso, a iniciativa xorde da "necesidade de debater e cuestionar a educación sexual en torno á adolescencia, como forma de aportar coñecemento que nos achegue a unha comprensión amable e a unha intervención o máis comprensiva posible, fuxindo de ideas antigas para aplicar en contextos modernos, que en moitos casos veñen dende lugares máis achegados á moral que ao coñecemento". O prazo de inscrición do curso, que ten un custe de 75 euros, permanecerá aberto ata encher o aforo. Os interesados poderán recibir máis información ou formalizar a súa matrícula dirixíndose ó enderezo electrónico "[email protected]" ou ben no número de teléfono 988 55 40 59.

Te puede interesar