BAIXA LIMIA

As Conchas recupera a calidade “excelente" para as súas augas

20190629183436991_result
photo_camera Estado actual do embalse das Conchas na área recreativa do Corgo, en Muíños.

Coas praias de O Corgo e Portoquintela son en total 12 as praias ourensás óptimas para o baño

O encoro das Conchas chega á tempada estival nunhas condicións óptimas, tanto no que se refire ó nivel do embalse como á calidade das súas augas. A diferencia do que ocorría hai agora un ano, cando as cianobacterias volvían tinguir de verde a superficie do encoro, nesta ocasión a auga embalsada das Conchas afronta a chegada do verán coas maiores expectativas. 

Así o confirmaba o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, asegurando que os últimos análisis realizados pola Confederación Hidrográfica sinalan a boa calidade das augas do embalse. "Facemos todo o que está na nosa man para mantelo así", precisa Álvarez ó tempo que lembra que o habitual problema das cianobacterias chega ó encoro das Conchas provinte da parte alta do río Limia e agardando a que a situación se manteña durante todo o verán. Cómpre lembrar que a mediados de xullo do ano pasado, os concellos bañados polas augas das Conchas tiveron que recomendar "non bañarse nin realizar actividades acuáticas". 

En calquera caso, na actualidade, as dúas praias fluviais situadas no entorno do embalse presentan este ano unha calidade de baño "excelente", unha categoría outorgada pola Consellería de Sanidade tralas análises realizadas ó longo de todo o ano. Así, tanto as augas da área recreativa do Corgo, en Muíños, como as de Portoquintela, en Bande, amosan este ano un aspecto óptimo para recibir ós bañistas, que nestes primeiros días de calor xa se animaron a refrescarse no encoro. 


Unha ducia de excelencia


As praias fluviais bañadas polas Conchas son dúas da ducia de áreas recreativas da provincia que este ano presentan unha "excelente" calidade nas súas augas, segundo resolveu Sanidade. Ademais de Portoquintela e O Corgo, figura tamén As Perdices en Entrimo, polo que os baños nas augas da Baixa Limia serán perfectos para os visitantes. Así, constitúe a comarca con maior número de praias de excelente calidade, un posto no que empata co Ribeiro. Alí son tamén tres as zonas con augas óptimas: o río Valderías en Avión, o parque náutico e O Ribeiriño, ámbolos dous en Castrelo de Miño. Completan a lista as praias do río Magros e Doade, en Beariz, Cardiego e o río Rabal, en Chandrexa, O Coiñedo en A Veiga e A Antena, situada na capital ourensá.


Recuperación do nivel nos embalses


A día de hoxe, o embalse sitúase a un 85,09% da súa capacidade, un dato lixeiramente inferior ó 88,75% que presentaba o pasado ano nestas mesmas datas, cando reapareceron as cianobacterias. Non obstante, o dato é moito maior ó nivel medio do 72,88% que se veu rexistrando na última década. Salienta, neste punto, o dato do ano 2017, cando a altura do embalse non chegaba nin sequera á metade da súa capacidade. 

Do alto nivel deste ano congratulábanse tamén os veciños da zona, insistindo en que nesta época do ano, As Conchas ten acadado un aspecto "moi bonito" e agardan a que a progresiva baixada propia do verán non provoque a aparición "dese cheiro tan malo" procedente das cianobacterias, que ademais de outorgarlle unha cuberta verdosa á superficie do encoro, libera un olor moi característico.

A pesar de que as cifras do nivel do embalse son algo inferiores ás rexistradas no pasado ano, As Conchas sitúase por riba da media dos encoros de toda a provincia. Os embalses pertencentes á conca do Miño-Sil presentan hoxe un nivel próximo ó 78%, un dato que amosa a recuperación dende principios de ano, cando se aproximaban a niveis de sequía.

Te puede interesar