O proxecto de Entrimo ao 'Life+' supera a súa primeira selección

O Concello de Entrimo acaba de recibir a confirmación de que o proxecto piloto 'Desenvolvemento sostible dos recursos endóxenos locais' presentado á convocatoria de proxectos LIFE+ Gobernanza 2010, pasou o primeiro corte de selección 'figurando como firme candidato para a súa definitiva aprobación nos vindeiros meses', subliñaban os técnicos municipais.
O proxecto contempla un investimento de 1,3 millóns de euros para a creación dun Centro de Transformación Rural, concebido como unha área habilitada para a instalación de empresas rurais que base a súa liña de negocio na transformación de recursos endóxenos (agricultura , gandeiria o sector forestal). A aprobación do proxecto permitiría crear e consolidar polo menos 10 postos de traballo.


INICIATIVA PILOTO DO XURÉS

Os proxectos LIFE+ Política e Gobernanza Ambiental son proxectos piloto que contribúen ao desenvolvemento de conceptos, tecnoloxías, métodos e instrumentos innovadores en numerosos ámbitos(aire, auga, residuos, clima, chan ou agricultura) cun cofinanciamento de ata o 50%. A área que abarca o Concello de Entrimo concebiuse como iniciativa piloto para as zonas Reserva da Biosfera (forma parte da transfronteiriza Gêres-Xurés) e pretende adquirir un carácter innovador no uso das novas tecnoloxías, as enerxías renovables, a eficiencia enerxética, así como no xestión dos residuos producidos na actividade empresarial transformadora e na optimización da pegada ecolóxica das empresas que nel se instalen.

Segundo os datos da Comisión Europea emitidos ao Concello de Entrimo, España presentou 104 proxectos a esta convocatoria, dos cales só catro foron galegos.

Te puede interesar