BAIXA LIMIA

A tracción animal e os seus beneficios móstranse no Corgo

corgo
photo_camera O uso de tracción animal no sector forestal ten múltiples beneficios para o entorno.

As asociacións galega e portuguesa celebran o sábado en Muíños un día de portas abertas

O uso de tracción animal no sector forestal conta con numerosos beneficios que a Asociación Galega de Tracción Animal (Agatran) tratará de demostrar este sábado, durante a xornada de portas abertas que celebrarán no parque do Corgo en Muíños. Entre eles salienta, sobre todo, unha compoñente económica. "Para tirar dun tronco ata unha máquina, por exemplo, sae máis rentable o uso dun cabalo ou dun burro", explica o presidente do colectivo, Davide Outeiro. 

Máis alá dunha clave simplemente monetaria, o emprego de tracción animal no canto de maquinaria para realizar algunhas tarefas forestais pasa tamén por unha mellor conservación do entorno. Segundo lembra Davide Outeiro, "este ano xa se estragaron tres xacementos arqueolóxicos en Galicia polo uso indebido de máquinas", algo que non acontecería cos animais, pois "neste tipo de condicións de defensa do patrimonio un burro ou un cabalo van ter menos impacto". O mesmo acontece para acceder a espazos protexidos. 

De todo isto falarán este sábado en Muíños aproveitando a fin da investigación que membros da asociación internacional The Donkey Sanctuary están a desenvolver no Centro de Interpretación da Tracción Animal de Lobios (Citran) empregando os animais da asociación para estudiar o seu óptimo uso no sector forestal. 

Aínda que en Galicia o traballo desenvolvido polo colectivo que lidera Davide Outeiro supón unha innovación, "noutros países nunca deixaron" de empregar animais para os traballos do campo, senón que os foron adaptando á incorporación de novas tecnoloxías agrarias. Con esta idea de que o uso da tracción animal supoña unha volta ó pasado queren tamén romper dende Agatran. "O que facemos é unha proposta de futuro con ferramentas que sempre estiveron aí", precisa Outeiro. Aínda comprendendo que é "inevitable" que se faga esa asociación de ideas, os esforzos realizados pola entidade, con sede en Grou, teñen axudado a "romper" estereotipos. "Vivimos un momento único no que debería haber feedback por parte das administracións", como xa está acontecendo en lugares como La Rioja coa incorporación de tracción animal. 

De todo isto falarán este sábado nunha xornada que contará con ponencias e demostracións sobre os beneficios do uso de burros e cabalos. A iniciativa, organizada en colaboración coa asociación portuguesa, está aberta a profesionais do campo, comunidades de montes e veciños en xeral.

Te puede interesar