A vila natal do autor de 'Longa noite de pedra' acolleu o peche dun centenario cheo de actos e novas creacións na súa honra

O Ano Celso Emilio remata coa súa consolidación como 'poeta do pobo'

Os nenos da 'Ludoteca de Nadal' participaron no borrado simbólico da reproducción do dibuxo que Picasso dedicou a Celso Emilio Ferreiro. (Foto: XESÚS FARIÑAS)
O pobo de Celanova escenificuo onte o peche oficial do centenario de Celso Emilio Ferreiro no 101 aniversario do seu nacemento. O recitado dos versos de 'Longa noite de pedra' ou 'Viaxe ao país dos ananos' abriu os actos de clausura no interior do Mosteiro celanovés. A vixencia da súa mensaxe, o seu amor pola terra e pola súa dona, Moraima, o seu carácter transgresor ou a musicalidade dos seus versos puxéronse de manifesto a través da voz dos seus veciños.
Colectivos culturais e asociacións da vila sumáronse ó recital iniciado no salón de plenos polos membros da Corporación. Entre lectura e lectura, que contou ca traducción simultánea dunha moza da Asociación de persoas sordas de Ourense, Xabier de Sousa e Xosé Poldras presentaron 'Sen límites'. Unha carpeta de gravados con textos de Curros Enríquez, Celso Emilio e Méndez Ferrín en linguaxe escrita, sistema braille e nun grafismo abstracto baseado nas liñas imaxinarias resultantes do emprego da linguaxe de signos.

Nunha xornada primaveral ao pé do espolón, un grupo de nenos escenificou despois o borrado simbólico da pintura que Picasso dedicou a Celso Emilio e que no 2012 reproduciuse na praza Maior. O agasallo do autor do 'Gernika' foi un dos achados que se produciron nestes 366 días dedicados ao poeta. Un ano cheo de actos culturais e cívicos, liderados pola fundación que leva o seu nome pero tamén pola do seu conveciño Curros Enríquez, do Concello de Celanova e de numerosas entidades públicas e privadas que puxeron o seu gran de area para revalorizar ao escritor celanovés como o poeta do pobo.

Ó abeiro do seu centenario xurdiron monográficos, novas edicións dos seus textos e tamén publicacións inspiradas na súa vida e obra. Celso Emilio estreouse na rede a través da nova páxina da fundación e tamén estivo presente nos escaparates do comercio local.

Neste ano de citas culturais, concertos e conferencias hubo tempo para escoitar a Celso Emilio a ritmo de rap ou velo en documentais que amosaron un anaco do que o escritor significou para a súa familia, amigos e seguidores. Actos que cruzaron 'Onde o mundo se chama Celanova' e que se reproduciron por toda Galicia, Madrid, Londres, Bruxelas ou Venezuela.

Te puede interesar