Francisco Estévez Lengua: "As matemáticas e a literatura non están tan lonxe como a xente poida pensar"

photo_camera Francisco Estévez Lengua, con la Facultad de Matemáticas a sus espaldas.

Francisco Estévez Lengua é o director da revista estudantil dixital da Facultade de Matemáticas da USC, unha iniciativa na que participan oito estudantes galegos

Un celanovés está detrás de Máis Mates, a revista estudantil dixital da Facultade de Matemáticas da USC que este outono editou o seu primeiro número. Francisco Estévez Lengua é o director dunha iniciativa na que participan oito estudantes galegos.

Como xurdiu a iniciativa?

Foi no verán. Eu estou en terceiro curso e, este ano, apetecíame facer algo máis que só estudar matemáticas. E pensando, ocorréuseme o da revista. A finalidade das matemáticas é metelas na sociedade. Neste caso, está enfocada para o alumnado desta materia.

Cal é o obxectivo?

A revista xurde, por unha parte,  como un punto de posta en común de ideas. Somos estudantes, que podemos facer para mellorarnos? Porque penso que estamos un pouco desaproveitados. E logo ten unha parte de complementar o que xa vemos na carreira, onde damos cousas máis teóricas… Na revista hai diferentes seccións: teoría matemática, que son máis inquedanzas persoais; outra sobre historia; novas; retos, que é máis matemáticas recreativas; e sociedade, onde nos gustaría facer entrevistas aos profesores, para que nos amosen o seu punto de vista.

Que tal foi a acollida?

Penso que é boa. Recibimos moitos parabéns por parte do alumnado e do profesorado. Xa no primeiro contacto coa decana de Matemáticas, e a vicedecana, aceptaron a proposta moi gratificadas. Elas queren que o estudantado se implique, facer este tipo de cousas e, xa dende o primeiro momento, decidiron subila na páxina da Facultade (intranet). Xa contactaron con nós dende a Real Sociedad Española de Matemáticas para por  en común  todo o que ten que ver con revistas estudantis de Matemáticas.

Un celanovés dirixindo unha revista de mates, soa a tópico.

(Risas) Cando saes fóra e dis que es de Celanova, sempre fan referencia a que é terra de poetas... Non o son, pero non estamos tan lonxe como a xente poida pensar. Esta revista é matemática pura, pero nós temos tamén a nosa propia literatura. Somos unha ciencia, pero para achegar os nosos contidos ao público, a forma que temos de contalo, é unha linguaxe propia que é ademáis o que nós pretendemos coa revista. E, no tema das influencias, penso que o uso do galego é algo que teño de Celanova, deses referentes sen os cales quizais non o tería tan asimilado. 

Te puede interesar