REPORTAXE

Homenaxe no Furriolo

Un momento da homenaxe a Benito Cancelas onte no Furriolo, xunto ao mural de Xosé Vizoso (XESÚS FARIÑAS)
photo_camera Un momento da homenaxe a Benito Cancelas onte no Furriolo, xunto ao mural de Xosé Vizoso (XESÚS FARIÑAS)

O nome de Benito Cancelas volveu a brilar onte nas Terras de Celanova. A cidadanía, nun acto organizado por Arraianos a raíz dun traballo de investigación de Pablo Sánchez, lembrou a figura do derradeiro rexidor republicano celanovés.

O Mural do Furriolo lucía onte vivo e libre das intolerantes manifestacións fascistas. A Asociación Arraianos encargouse de limpar as pintadas ofensivas que, dende facía tempo, danaban a magnífica obra de Xosé Vizoso, para a homenaxe ás vítimas da represión franquista que onte se desenvolveu no alto bolés.

Os nomes de Elixio Rodríguez, Celso de Poulo, Pepe Velo ou o propio Celso Emilio e Ferrín centraron as intervencións dos arraianos, pero foi Benito Cancelas quen se levou todo protagonismo. Por fin, o derradeiro alcalde republicano celanovés recibiu da cidadanía a homenaxe póstuma que "se mereceu en vida, pero que non chegou nin ca etapa democrática", apuntou Pablo Sánchez, que este verán recuperou a súa figura nun traballo de fin de carrera "co obxectivo de devolverlle a memoria familiar e persoal".

No acto, diferentes actores falaron de Cancelas como un home bo, sinxelo, e que sempre buscou a concordia emocionou á familia que onte presidiu os actos no Furriolo. "É un orgullo, como neto, poder acudir a esta homenaxe", recoñecía Carlos Ordoñez Cancelas, que destacou do seu avó a paixón pola súa terra e o seu carácter emprendedor, que o levou a facer ata en tres ocasións o viaxe a Cuba, montar varios hoteis "e acadou a xubilación nos talleres da Rexión", apuntaba o seu neto.



Acto institucional

Os privilexiados que acudiron a chamada de Arraianos tiveron a oportunidade de escoitar quizá por primeira vez en Galicia, o poema inédito de Pepe Velo "As campás do cementerio". E gozar do recitado poético na voz de Aser Álvarez e Alfredo Vázquez. Entre o público, a socialista María Jesús Bóo lamentou como Cancelas "sufriu as consecuencias da intolerancia máis absoluta, levándoo á ruína e tendo que fuxir do pobo" e asegurou que trasladará ao pleno a solicitude proposta no Furriolo de recoñecer institucionalmente a súa figura e colocar unha placa no Concello.

Te puede interesar