entrevista | celanova

Jaime Sousa: “A urxencia máis grande de Cartelle é dotar de fibra óptica a tódolos núcleos"

Jaime Sousa, alcalde de Cartelle.
photo_camera Jaime Sousa, alcalde de Cartelle.

A pesar de que leva máis de 30 anos na corporación, Jaime Sousa acadou, xa como candidato á alcaldía de Cartelle, un 66,63% de apoio veciñal

No seu caso o Concello non lle é descoñecido. Como inicia este mandato?

O inicio é con moita responsabilidade. Non é novo porque xa levaba dous anos na alcaldía, pero os veciños de Cartelle déronme un apoio moi grande porque tivemos os mellores resultados do PP da democracia en Cartelle. Iso faime afrontar o mandato con moita máis responsabilidade, se cabe.

Si, que foi a primeira campaña como candidato á alcaldía. 

Si, pero xa estaba á fronte das campañas do PP antes e non foi novo.

Aínda que se trata dun proxecto continuísta, cales son as urxencias máis importantes que presenta Cartelle?

A urxencia máis grande é dotar de internet a tódolos pobos. A fibra óptica é importantísima. Da mesma maneira que cando empezamos no ano 1987 a xente pedía alumeado público, formigón, melloras de accesos... agora a xente quere internet, incluso os avós para falar cos netos. Ás pequenas empresas que están ubicadas no Concello élle fundamental, as novas tecnoloxías hoxe son imprescindibles. O noso proxecto pasa tamén pola conservación dos pobos. 

Xa leva tempo na corporación. Como ten ido evolucionando a dinámica da administración nos últimos anos?

Hai un antes e un despois. Cartelle hoxe é un Concello onde ós veciños se lles fai practicamente todo, desde solicitar unha queima a unha corta de árbores; ademais temos un día ó mes unha persoa que lle xestiona os temas do catastro... Dende 1991 a hoxe, evolucionou moitísimo. Temos un concello moi ben situado, a cinco minutos da autovía AG-31. A estrada xeral é moi boa, por iso hoxe non hai distancias entre os pobos. Pensa que dunha punta á outra do municipio hai 25 kilómetros. Ademais, temos a particularidade de que somos 2.600 habitantes en 61 núcleos de poboación e todos son importantes, non hai un principal. Por iso repartir os servizos ás veces é complicado. 

Cal é o seu principal obxectivo para este mandato?

Gustaríame facer unha zona na que reubicar as pequenas e medianas empresas. Pero non falo dun polígono industrial. Habería que darlle unha forma ós concellos do rural que nos permita agrupar as empresas. Por exemplo, temos As Marabillas a cinco minutos da autovía e sería interesante dispoñer dun terreo sen que se chame polígono industrial, que esa figura xa contempla unha serie de condicións. Levo tempo loitando por ter flexibilidade no rural para que as empresas que queiran manterse no concello teñan un mínimo de servizos, que lles sexa fácil instalarse e que os terreos sexan asequibles.

Te puede interesar