Celanova

Unha plataforma web dinamizará a presencia dixital dos comercios

Celanova
photo_camera José Luis Ferro e Eloy Alvarez, na firma do convenio.

Os promotores agardan activalo en agosto, unha vez acadados os 50 establecementos adheridos á medida

Unha plataforma web tratará de aglutinar á maior parte dos comercios de Celanova co obxectivo de fomentar e dinamizar a súa presencia dixital. "Compra en Celanova", nome co que se iniciou o proxecto hai anos e do que agora é herdeira esta iniciativa, ten previsto o seu comezo durante todo o mes de agosto, auspiciado polo Concello. Alimentación, motor, hostelería, moda..., tódolos sectores están chamados a conseguir o seu propio espazo nunha web que dotará ós negocios dunha "presencia profesional". Martín Cidre, Alejandro Montes e Juan Hervella compoñen o equipo humano deste proxecto, auspiciado pola Fundación Curros Enríquez.


Despois de tres semanas de labo, a primeira meta é acadar os 50 comercios adscritos para poder poñer a plataforma en funcionamento. E para romper esa barreira non queda moito, porque a día de hoxe xa superan as catro decenas. "O primero obxectivo está practicamente conseguido e agardamos pechalo no que queda de mes", comenta Martín Cidre. 
Son dous os paquetes que ofertan, de xeito que á inclusión na plataforma os comercios poden engadir unha xestión das redes sociais e a creación de vídeos promocionais dos productos. En calquera caso, "garantimos unha actualización constante das novidades que poidan ter" porque esa será precisamente a tarefa dese equipo, así como a de ofrecer un asesoramenteo para "xestionar a animación comercial", en palabras de Cidre. 


Polo momento, a esas máis de 40 adhesións hai que engadirlle a boa acollida entre os comerciantes. "É algo novo, pero notamos que algunha xente tiña ganas dunha cousa así, vían esa necesidade, sobre todo a nivel de redes sociais para interactuar cos clientes", explican. 
Ademais, os integrantes finais de "Compra en Celanova" gozarán dunha serie de vantaxes na nova oficina do Banco Sabadell na localidade, gracias a un convenio de colaboración asinado onte entre o seu director de zona, Eloy Álvarez, e o alcalde de Celanova, José Luís Ferro.

Te puede interesar