Volve o FIR cun folclore máis “diverso” a Ramirás

O festival internacional regresa con novos bríos e fará foliada en Celanova

Volve o Festival Internacional Rebulir a Ramirás, nunha edición da “insistencia e da resistencia”. Así resumiu a programación o director do FIR, Alexandre Sotelino, que presentou as actividades que se desenvolven dende este xoves e ata o 19 de decembro en Celanova e Ramirás, aínda que tamén se espalla á cidade con unha presentación literaria e un obradoiro de danza no Espazo Xove, que xa se celebraron este xoves. O folclore de tódolos recunchos do mundo subirase ao escenario durante estes días, para reivindicar a cultura, a historia e a tradición. 

O FIR, organizado pola Asociación Cultural Rebulir, terá o seu plato forte este sábado ás 19,00 horas no polideportivo de O Picouto. O colectivo anfitrión, Rebulir, estará acompañado polo grupo Quitus (Ecuador), Tangra (Bulgaria), Cacia (Portugal) e Mayalde (Salamanca, España). Na gala central entregaranse os Premios Rebulir da Cultura Galega, na categoría musical a Xabier Díaz; nas artes escénicas ao Xabarín Club e na categoría homenaxe a Anxo Nogueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro. Por último, a mención de honra será para os emigrantes retornados da comarca de Celanova, “pola súa implicación co festival desde os inicios”, en palabras de Sotelino. 

Tódalas actividades reducirán o aforo ao 60%, para garantir a distancia de seguridade entre individuos e grupos. “Loitamos contra as adversidades e non deixamos de facer o festival, negámonos a cancelalo”, sinalou o director do FIR, que explicou este xoves no Marcos Valcárcel que os grupos farán PCRs diarias para crear unha “burbulla” no festival e blindarse ante o covid.

AS NOVIDADES

O programa será o máis “amplo, diverso e inclusivo” de tódalas edicións, segundo os organizadores. Así, entre as novidades hai unha foliada itinerante prevista para hoxe polas rúas de Celanova. “Levaremos ás prazas e corredoiras da capital da comarca actividades simultáneas”, dixo Sotelino. Ademais, o programa será “para todos os públicos, queremos implicar aos maiores pero tamén aos nenos e incluso aos bebés da comarca”. 

Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación, participou na inauguración do festival. Lembrou que é un festival que “implica a tódolos secrtores sociais da comarca. Comerciantes, veciños, empresarios… O obxectivo é poñer en valor a cultura galega, desenvolver habilidades e crear desenvolvemento sociocultural e turístico”, engadiu Fernández. Tildou ao FIR como un festival que se converteu “nunha das citas lúdico-culturais máis importantes da nosa provincia”.

CULTURA GALEGA

Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, subliñou a forza do traballo de Rebulir “por poñer en valor a cultura de raíz, pois sen ela nada máis poderiamos construir”. O Consello da Cultura Galega participa no festival coa exposición “A Galicia imaxinada”, que se inaugurou este xoves. 

A coordinadora territorial de Cultura da Xunta, Sandra Quintas, destacou o traballo “incesante” de Rebulir na recuperación e manifestación da cultura galega, “poñéndoa en valor dun xeito accesible para todo o mundo e devolvéndolle ao pobo o que é seu”. 

Por último, a alcaldesa do Concello de Ramirás, Isabel Gil, amosou o seu orgullo por representar “o berce do folclore nesta próxima fin de semana en Galicia”, poñendo o seu grao de area para levar a cabo este evento “polo que todos os veciños do concello están agradecidos, emocionados e orgullosos un ano máis”. Os interesados no rebulir poden consultar a programación na web oficial.

Programa completo del FIR.

Te puede interesar