ENTREVISTA

Verónica Rivero, escritora: "Gústame inspirarme en lugares que marcaron a vida da nosa xente"

Verónica Rivero (foto: L.F)
photo_camera Verónica Rivero (foto: L.F)
Medo e suspense guían ao lector de “Baixo a pel do medo”, o primeiro libro de Verónica Rivero, unha moza nada en Ourense pero veciña de Os Chaos (A Bola).

Cando comezou a escribir? 

O certo é que tiven unha época, no colexio, na que non me gustaba nada a lectura. Funlle collendo cariño no Instituto, empecei a ler escritores interesantes… aínda que nunca pensei adicarme a escribir ata a pandemia. Foi unha noite, fará tres anos. E xa non parei. Este é o primeiro libro que publico, relatos de medo e suspense, pero o segundo que escribín. O primeiro foi unha novela máis extensa e require máis traballo e eu non teño moito tempo. Así vou vendo os erros, é unha forma de aprender (risas).

Na presentación falou moito de Edgar Allan Poe… 

A verdade e que me houbera gustado que fora alguén de aquí,  pero neste tipo de xénero foron as historias de Edgar Allan Poe. Teño presente que estou nunha terra de poetas e  Curros e Celso Emilio son moi interesantes, pero distintos.

Que lugares che inspiran?

Galicia ten moito por onde tirar neste tipo de obras, de feito fun a varios sitios onde me inspiraba. As veces ven nalgunha excursión con amigos, lembro nunha ruta dos Muíños en Pontedeva, na poza da Moura preto de Moaña, nuns restos preto de Xinzo... Pero gústame ir soa aos sitios, como cando fun ao antigo sanatorio de Toén. Ver o ambiente, tratar de imaxinar o que viviron as súas xentes, sacar fotos e despertar nunha historia de xente que merece ser recordada.

Porque optou por unha autoedición?

Máis que nada porque si quero moverme neste mundo, eu quería ver como ía todo pola miña conta: as vendas, as presentacións…  A experiencia foi boa, o proceso ameno e foron moi amables. Eu quixen facer unha dobre edición (galego e castelán) e non houbo problemas, quizais algún erro … Din que é normal. De cara ao futuro, non descarto traballar con algunha editorial tradicional… e galega, claro!

En que estás traballando?

Gustaríame seguir co tema dos relatos, pero estame custando,  e tamén publicar esa primeira novela que escribín. Unha historia sobre a Primeira Guerra Mundial dende o punto de vista dos alemáns.

Te puede interesar