2023: O cine que virá

No 2022 asistimos a unha lenta recuperación da industria despois da pandemia. O cinema español reuniu arredor de 13 millóns de espectadores, unha cifras que aínda seguen lonxe das rexistradas antes da pandemia. Tocando madeira, o 2023 vai a ser o primeiro ano sen restriccións. Así, desexamos que o refacho positivo rexistrado nos últimos meses, siga “in crescendo”.

Agardamos un aninovo cargado de películas dende agora. Tras o éxito de “Border” (2018) chegará ás salas nos próximos días a nova entrega do cineasta iraní nacionalizado danés, Ali Abbasi. “Holy Spider”, presentouse no Festival de Cannes o ano pasado e a súa protagonista, Zar Amir-Ebrahimi, gañou o premio de Mellor Actriz. “Holy Spider” é un filme escuro, político e vira arredor dunha serie de feminicidios en Teherán.

A finais de xaneiro está prevista a estrea de “Babylon” de Damien Chazelle, ambientada no Hollywood dos anos 20 e protagonizada por Margot Robbie e Brad Pitt. Nas mesmas datas, regresarán á gran pantalla dous Mestres: Darren Aronofsky e Park Chan-wook. O primeiro con “La ballena”, un conto familiar sobre a redención protagonizado por Brendan Frases, mentres o cineasta surcoreano volverá con “Decision to Leave”, un thriller que lle valeu o premio a Mellor Dirección no último Festival de Cannes. Tamén celebraremos a estrea de “TÁR”, quizais a obra máis sólida do talentoso cineasta Todd Field no que Cate Blanchett – Mellor Actriz no último Festival de Venecia – interpreta o papel da compositora Lydia Tár a uns días de gravar a súa obra maestra.

Febreiro promete ser outro mes cargado de grandes películas. “Almas en pena de Inishrein” será o esperado regreso ao cine de Martin McDonagh, o director que no 2017 se deu a coñecer ao grande público e á critica co filme “Tres anuncios en las afueras”.

Outra película da que se escribirá e falará moito será a última longametraxe de Steven Spielberg, “Los Fabelman”, que chegará ás salas na primeira metade de febreiro. Un drama nostálxico e semiautobiográfico sobre a infancia e a xuventude do cineasta. O filme obtivo unha resposta moi positiva por parte da crítica e o público nos países onde xa se estreou.

Cara á primavera está prevista á estrea de “Triangulo de la tristeza” do director sueco Robert Östlund, Palma de Ouro no último Festival de Cannes, unha película coral no que se confirma o talento corrosivo do cineasta xa evidenciado en filmes como “Fuerza Mayor” (2014) ou “The Square” (2017).

Despois de moverse entre as pantasmas cinéfilas de Fårö con “La isla de Bergman”, a directora francesa Mia Hansen-Løve, regresará no mes de marzo con “Una bonita mañana”, un drama familiar interpretado por Léa Seydoux e Melvil Paupaud. Antes do verán tamén poderemos ver a última película de Sam Mendes, e o novo filme de M. Night Shyamalan.

A época estival, estará marcada pola estrea de “Indiana Jones y el Dial del Destino” dirixida James Mangold. Harrison Ford volverá a interpretar o arqueólogo mais célebre do cine. Nesta aventura ambientada a finais dos anos 60, Mads Mikkelsen interpretará o papel do vil.

Con probabilidade, nas mesmas datas estrearanse “Oppenheimer” de Christopher Nolan, un biopic sobre o inventor da bomba atómica, e “Barbie” de Greta Gerwig. “The Exorcist” de David Gordon Dreen, secuela do filme do 1973, e “Dune II” de Denis Villeneuve chegarán na segunda metade do ano. Mentres, un dos xa clásicos fimes de nadal, “Un mundo de fantasía” (1971), terá outro remake musical protagonizado por Timothée Chalamet titulado “Wonka” e que, con probabilidade, converterase no filme para toda a familia do final do ano.

Os festivais de Berlín, Cannes, Sundance, Venecia e San Sebastián, marcarán a axenda doutras importantes estreas, sobre todo españolas. Algún título poderá verse xa ao longo deste ano.

O 2022, foi o ano no que o cine galego bateu o récord de presencia no cine, ao igual que o número de rodaxes na provincia de Ourense. Desexamos que isto se repita no 2023. De momento fálase da posible distribución en salas de “O home e o can” de Ángel de la Cruz, de “Amigos hasta la muerte” de Javier Veiga, de “El tirabeque” de Darío Autrán, de “Me he hecho viral”, o novo filme de Jorge Coira, e de “Honeymoon”, unha comedia negra on the road de Enrique Otero protagonizada por Javier Gutiérrez e Nathalie Poza.

Te puede interesar